Juanlu Nacha crea as súas ilustracións coa axuda do lapis e o ordenador

"Chameille 'Garabatos' ás miñas obras porque son desordenadas coma min: saíron ao pai"

O artista sentiuse inspirado por uns debuxos pouco coñecidos do ilustrador Luís Davila. Así pasou de centrarse só no deseño gráfico a cultivar a súa faceta como artista no ano 2013. Agora os seus cadros son de sobra recoñecíbeis.
Juanlu Nacha
photo_camera O artista Juanlu Nacha con dúas das súas obras (Foto: Nós Diario)

Juanlu Fernández, máis coñecido como Juanlu Nacha -como prefire que lle chamen aló por Ferrolterra nun aceno a seu pai- leva décadas dedicado ao deseño gráfico, pero non foi até o 2013 cando se decidiu a cultivar a súa creatividade nos cadros inspirado por outro debuxante de renome na nación. Os motivos mariñeiros, rurais, musicais ou de símbolos da Galiza xa conquistaron centos de persoas desde entón. Este artista combina na súa obra as formas de traballo máis tradicionais coas vantaxes que achegan as novas tecnoloxías.   

Avante Pouca
Como definiría a súa obra?
Ademais de versionar os clásicos e traelos aquí, de darlles un toque de país, ocúpome do mundo do folclore, por exemplo. Como nunca bailei moi ben, pensei en tirar para o debuxo. 

Que elementos da Galiza pode atopar a xente nas súas pezas?
O folclore; algunha versión das fotos de Ruth Matilda Anderson, chaméille "As vacas da Matilda", que é unha paisana cunhas vacas; traballo tamén o tema da xoiaría antiga; copras; montañesas... 

Hai algunha vila que o inspire cando acode a imaxes do rural ou do mar?
Podería ser calquera vila galega, da montaña tamén, pero é certo que teño varias referencias da comarca de Ferrolterra.

Ten outra liña con menos referencias ao país?
Hai referencias que serven para calquera lugar pero no 90% son de aquí.

Avante Media
Como comezou a súa faceta máis artística?
En 2013 vin unhas imaxes de Luís Davila que non moita xente coñece, que son os seus garabatos, e quedei namorado. Até 2013 sempre me dedicara ao deseño gráfico pero nunca á ilustración. Cando vin aquilo púxenme en contacto con el e pensei en facer algo que puidese parecerse. Dedícome a isto por ver eses garabatos de Luís Davila. É unha barbaridade como pinta! 

Tivo outras inspiracións?
Si, miro para máis ilustradores, pero el foi o que me motivou. Despois Leandro Lamas, que é veciño e moi coñecido, é o meu referente máis grande. Non polo estilo mais si pola temática. É un crack. 

Os seus cadros son coñecidos como os 'Garabatos' de Juanlu. Por que elixiu ese nome?
Porque son desordenados coma min, que son unha persoa moi desordenada. Son debuxos que saíron ao seu pai. 

Cales son os favoritos do público?
A versión de "O Bico" de Gustav Klimt, A "Monarrisca" que é a miña "Mona Lisa", imaxes de Castelao que tamén se vendeu moi ben... Eu teño láminas practicamente de todo, agás o que son encomendas moi moi particulares. 

Como é a produción?
Imprimo as láminas cos debuxos que creo e non acostumo a numeralas. Asínoas, ás veces, se o piden pero non é o normal.

Avante Toda
Cal é o proceso creativo que segue no seu obradoiro?  
O primeiro que fago é pintar a lapis, sempre. Séntome diante dun papel en branco, que me causa preocupación polo medo a que non me saian as cousas, pero ao final acaban saíndo. Despois pásoo a ordenador e comezo a traballar ese primeiro bosquexo en Photoshop. Doulle trazo, doulle color... Mais sempre comezo co lapis e a goma. Uso máis a goma que o lapis porque nunca fun moi bo debuxante. 

Pola comarca vense cartaces de festas que parecen da súa autoría...
Si, fago cartelaría para San Sadurniño, Narón, Cariño, Fene... Levo preto de 30 anos traballando de deseñador, preimpresor e operario de arte final, mais debuxando non. Antes xa facía cartelaría doutra forma. Agora inclúe a ilustración. Pero a que é boa ilustradora malia non dedicarse a iso é a miña compañeira. E a miña filla Candela vai polo camiño. 

Comentarios