Institucións culturais públicas descabezadas

O CGAI, terceiro órgano dependente de Agadic sen relevo na dirección

A xubilación o pasado verán de Guillermo Escrigas (Ferrol, 1953), director do Centro Galego das Artes da Imaxe desde 2007, deixou a filmoteca pública descabezada. É o terceiro órgano dependente de Agadic, a Axencia das Industrias Culturais da Xunta, que non renova a súa dirección.
CGAI
photo_camera Sede do CGAI na Coruña. Foto: CGAI.

Tampouco o Centro Dramático Galego nin o Centro Coreográfico Galego contan, a día de hoxe, con director ou directora. Fefa Noia abandonou o pasado maio a dirección do primeiro. No segundo, hai un mes que Mercedes Suárez, coordinadora do Departamento de Produción Coreográfica de Agadic, cesaba no posto, que incluía a xefatura do Centro Coreográfico.

A situación do CGAI, con sede na Coruña e funcións de “salvagarda e difusión do patrimonio audiovisual galego”, é análoga. Sen proceso de substitución en marcha, a saída de Escrigas e os continuados recortes de persoal colocan a institución cultural nun delicado interregno.

O Centro Galego das Artes da Imaxe constituíuse en 1989. “As súas principais funcións no ámbito audiovisual son a recuperación, a catalogación, a custodia e a difusión das producións e obras do patrimonio audiovisual e fotográfico galego, así como a programación de proxeccións, exposicións, conferencias e publicacións co fin de proporcionar un maior recoñecemento das artes da imaxe”, di a institución na súa páxina web.

Arquivo, mediateca, con sala de proxeccións e oficinas, o CGAI fai parte desde 1999 da Federación Internacional de Arquivos Fílmicos.

Comentarios