O CGAI proxecta un ciclo de documentais sobre a Revolución Cubana

Mañá terza feira dará comezo un programa ao que a filmoteca galega lle dedica oito xornadas con 38 títulos rodados entre 1959 e 1972. Un dos protagonistas será Santiago Álvarez, o gran documentalista da illa. 

santiagoalvarez-cuba
photo_camera Santiago Álvarez, documentalista cubano [Foto: Juventud Rebelde]

O Centro Galego de Artes da Imaxe inicia mañá -terza feira 15 de novembro- o ciclo ‘Por un cine imposible. Documental e vangarda en Cuba (1959-1972)’, que centrará as proxeccións que se desenvolverán na súa sede da Coruña as terzas e cuartas até o 14 de decembro. Programado en colaboración coa Cinemateca de Cuba e co Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, este especial reúne 38 títulos a través dos que se afondará no movemento documental cubano arredor da Revolución, que deu pé a un manifesto visual irrepetible.

O profesor e documentalista londinense Michael Chanan é o comisario desta escolma, que arranca mañá terza feira cunha sesión dedicada aos primeiros anos logo da chegada do movemento revolucionario ao poder. Inclúese aquí un dos ‘noticieros’ semanais do cineasta Santiago Álvarez, coñecido como o Dziga Vertov cubano e figura central deste ciclo.

O cineasta Santiago Álvarez, coñecido como o Dziga Vertov cubano, é figura central deste ciclo.

Nestes ‘noticieros’, Álvarez conecta os diferentes temas a través dun discurso político ou os converte en documentais monográficos que logo continúa en filmes máis extensos. Son, ademais, unha escola para os novos cineastas, onde se lles aprende a crear películas de xeito rápido e barato, aproveitando os materiais dispoñibles. Así, a metraxe encontrada ou ‘found footage’ convértese axiña nun recurso popular entre os documentalistas.

O ciclo propón un percorrido cronolóxico e temático polo documental cubano deste período, baixo os seguintes subtítulos: ‘Comezos’, ‘Batallas’, ‘Longas loitas’, ‘Mulleres’, ‘Alleos’, ‘Lente ancha’, ‘Perspectivas 1’, ‘Terceiro mundo’, ‘Santiago Álvarez’, ‘Culturais’, ‘Perspectivas 2’ e ‘Perspectivas 3’.

Esta programación recolle o nacemento dun novo cine cubano a partir da chegada do movemento revolucionario ao poder, en que o documental xoga un papel primordial. 

Así, esta programación recolle o nacemento dun novo cine cubano a partir da chegada do movemento revolucionario ao poder, en que o documental xoga un papel primordial. Un dos seus teóricos será Julio García Espinosa, de quen o mércores 30 se exhibirá ‘Tercer mundo, tercera guerra mundial’, rodada en Vietnam en 1968 e un dos filmes máis destacados do ciclo como exemplo desta corrente experimental. No seu manifesto ‘Por un cine imperfecto’, García Espinosa defende precisamente as imperfeccións deste tipo de cinema de urxencia e de baixo orzamento, confrontándoo co brillo das grandes producións cinematográficas que, desde o seu punto de vista, anulaban e cousificaban o público.

A pesar de que non conta coas novas cámaras de 16mm, que na década dos sesenta favorecen a estética do cine directo e do ‘cinéma verité’, o audiovisual cubano experimenta un aumento de proxectos e de cineastas que saen á rúa para narraren a actualidade e o contexto cambiante que os rodea.

Como contrapunto, ‘Por un cine imposible. Documental e vangarda en Cuba’ inclúe unha selección de filmes realizados na illa por cineastas estranxeiros chegados durante os primeiros anos da Revolución: desde Joris Ivens, quen acepta un convite do propio Instituto Cubano del Arte e Industria Cinematográficos (ICAIC), até Chris Marker e Agnès Varda, que rodan por decisión propia testemuños puntuais de solidariedade.