martes 29/09/20
Cinema

O CGAI inicia tempada coas mulleres no foco

O Centro Galego de Artes da Imaxe adianta o seu habitual comezo de tempada para programar só unha sesión por día, cun destacado peso nas escolmas de cinema feito por mulleres.
Alice Guy.
Alice Guy.

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) vai retomar a exhibición cinematográfica na súa sala da Coruña cunha carteleira na que o cinema feito por mulleres centra a meirande parte das 20 sesións programadas durante este mes.

Dáselle continuidade, deste modo, aos ciclos que tiveron que ser adiados a pasada primavera por mor da pandemia, ao tempo que se incorporan novas achegas en colaboración cos festivais Diversidarte e (S8) Mostra de Cinema Periférico, como xa fixo a semana pasada co de Cans.

Entre os especiais de setembro, atópase o ciclo Pioneiras do cine, a través do que o CGAI busca recuperar do esquecemento as cineastas dos inicios do cinema e da industria hollywoodiense, onde o seu papel foi menos recoñecido que na animación ou no ámbito experimental.

Os filmes de Ruth Ann Balwin e Mabel Normand o día 16, e Alice Guy Blaché o 23 de setembro protagonizan esta primeira quenda da serie, que a filmoteca galega continuará desenvolvendo durante os vindeiros meses.

A achega ás olladas femininas inclúe, así mesmo, a serie documental Women Make Film, de Mark Cousins, que consta de 40 capítulos nos que se empregan exclusivamente secuencias rodadas por mulleres para reflexionar sobre moi diferentes preguntas arredor do oficio cinematográfico: como se fai un bo plano de apertura, como se encadra unha imaxe, como se presenta unha personaxe, como se roda o sexo, a danza ou a morte, como se representan o traballo e o amor no cine, ou como funcionan os xéneros como a comedia, o melodrama ou a ciencia ficción, entre outras.

O CGAI proxecta este mes un primeiro grupo de capítulos, agrupados en catro sesións que terán os sábados, ás 18 horas. Fóra de serie, unha das seccións habituais da filmoteca, conta desta volta cunha destacada presenza feminina.

Entre festivais

O CGAI acollerá tamén unha serie de sesións centradas en festivais galegos. A sección Diversimacine do Festival das Artes Inclusivas Diversdarte, e a Mostra de Cinema Periférico (S8) desenvolverán catro exhibicións no marco da carteleira de setembro: os días 18 e 25, no primeiro caso, e 29 e 30 no segundo.

A filmoteca adiantou o seu habitual inicio da tempada para concentrar as proxeccións nunha única sesión diaria.

comentarios