Imaxes de Castelao en Bos Aires, entre os materiais dispoñíbeis

O CGAI habilita o visionado en liña de pezas históricas

Existen máis imaxes en movemento da vella Galiza das que parece. O Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) vén de dispoñibilizar na súa nova páxina web un mangado de históricas pezas audiovisuais rescatadas pola propia filmoteca. Entre elas, imaxes de Castelao en Bos Aires, rexistradas entre 1940 e o seu pasamento.
 

Castelao
photo_camera Castelao nas imaxes recollidas por Eligio González. Fotograma do filme dispoñíbel no web do CGAI.

Oito traballos recuperados “e restaurados” polo CGAI -organismo público integrado na Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic)- abren a nova sección. Desde a insitución prevén que, ao longo do ano, “se vaian sumando máis” como resultado do proceso de dixitalización do seu arquivo.

Polo momento, os traballos xa consultábeis abranxen boa parte do século XX, entre as Imaxes de Vigo e arredores, tomadas por un anónimo en 1926, ate as Imaxes de Castelao en Buenos Aires, recollidas e montadas polo reporteiro Eligio González en 1972, reporteiro con orixe ourensá emigrado na Arxentina. “Estas primeiras pezas”, sinalan dende o CGAI, “teñen un carácter patrimonial e etnográfica, centrándose na paisaxe e tradicións de Galiza”.

De 1927 proceden os planos de Tintorería España, tamén anónimas, sobre o estabelecemento histórico de Octavio Pérez Gantes e outras vistas de Compostela. No mesmo ano, Enrique Barreiro confeccionou Pontevedra, cuna de Colón, que defende a hipótese da nación galega do conquistador. En Talleres Alonarti. Sociedad La Artística Ltda. (1928), José Gil filma a produción de envases da marca viguesa e, ao tempo, inclúe vistas panorámicas da cidade.

Tres anos despois, Gil factura Galicia y Buenos Aires, obra que, segundo consta na ficha da web do CGAI, “ten como obxectivo orixinal dar novidades da súa terra aos emigrados”. O mesmo acontece coas outras dúas filmacións dispoñíbeis, Porriño en Buenos Aires (1942), de Eligio Rodríguez, e Un viaje por Galicia (1958), de Manuel Arís

“É a principal novidade da nova páxina”, indican na filmoteca, “a posibilidade de acceder a parte do arquivo do CGAI en liña. Deste xeito, procúrase democratizar o acceso ao patrimonio cinematográfico galego que atesoura a institución”.

Comentarios