MÁIS RECORTES NA CONSELLARÍA DE CULTURA

O CGAC segue o camiño do CGAI ao eliminar dúas novas prazas

Logo da polémica polo proceso de desmantelamento que está a sufrir o CGAI, agora vimos de saber que o CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea), dependente tamén da Consellaría de Cultura e Educación, está a preparar a amortización de dúas prazas máis, o que supón a guinda a un proceso de recortes que supuxo nos últimos 8 anos unha redución de 11 traballadores no principal centro de arte contemporánea de Galiza. 

cgac
photo_camera CGAC

A Consellaría de Cultura está nestes momentos a negociar unha RPT (Relación de Postos de Traballo) na que propón a amortización de dúas prazas no museo (unha de coordinación de exposicións e outra de actividades), ademais da conversión da praza do director nunha praza de funcionario de grupo A. 

Esta decisión afonda na política de recortes que o Goberno leva realizando desde 2009, que supuxo, ademais dunha importante redución do orzamento xeral, que non se cubriran baixas (hai 4 neste momento) nin postos eliminados. Neste momento o CGAC dispón de 11 traballadores menos que en 2008. 

Segundo os traballadores, o desmantelamento é tan grave que “postos tan relevantes no organigrama dun museo como responsable do departamento de prensa, conservador xefe ou responsable de mantemento están desocupados desde hai anos”. A estes tres uniríanse ademais un posto en biblioteca e un no departamento de actividades e proxectos educativos. 

O desmantelamento é tan grave que “postos tan relevantes no organigrama dun museo como responsable do departamento de prensa, conservador xefe ou responsable de mantemento están desocupados desde hai anos”

Alén disto, a proposta da Consellaría inclúe modificar o perfil do posto de director, que pasaría de ser un posto de libre elección (nos últimos anos fíxose a través dun concurso público) a ser ocupado por un funcionario de nivel A, “coa evidente perda de liberdade e calidade que isto suporía”.

Despedimento

A amortización destas dúas prazas suporía o despedimento dunha profesional encargada da coordinación de exposicións, e tamén do mantemento da web e das redes sociais, dado que desde 2009 se eliminou o posto de responsable de comunicación. Os traballadores afirman que levan anos “facendo tarefas que non nos corresponden. O posto de prensa, por exemplo, vai rotando entre nós, que facemos o que podemos porque non temos esa formación, pero facémolo por responsabilidade”.

Os traballadores afirman que levan anos “facendo tarefas que non nos corresponden. O posto de prensa, por exemplo, vai rotando entre nós, que facemos o que podemos porque non temos esa formación, pero facémolo por responsabilidade”.

A outra das prazas que pretenden amortizar corresponde ao departamento de actividades, que neste momento non está ocupada por estar a persoa en excedencia. 

 24 traballadores

Neste momento o CGAC conta con 24 traballadores (4 deles de baixa sen seren substituídos), incluíndo xerente e director, Santiago Olmo, que segundo afirman desde o cadro de persoal, é contrario a este novo recorte que dificultaría aínda máis o desenvolvemento das súas actividades. 

O CGAC é o centro de referencia en Galiza da arte e da cultura contemporánea. Abriu as súas portas en 1993 e depende directamente da Consellaría de Cultura e Educación, o que supón una anomalía sen ningún tipo de autonomía de funcionamento, como acontece na maioría dos museos, que dependen de fundacións.

Paralelismo co CGAI

O caso do CGAC está a acontecer de forma paralela aos recortes no CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe), que tamén se encontra neste momento nunha situación moi delicada despois de que na Mesa xeral de negociación de empregados públicos, celebrada o día 30 de maio, a Administración da Xunta seguira adiante coa súa proposta de amortizacións e despedimentos, concretados no 40% do cadro total do CGAI e no 50% da plantilla da área de proxeccións. 
 

Comentarios