O CGAC opta por Santiago Olmo para director pola mínima

Sete décimas é a diferencia que o candidato Santiago Olmo ten co seguinte finalista nas notas finais para acceder á dirección do CGAC. 77,55 a 77,47. Despois de engadir unha proba de idiomas non prevista na convocatoria, o Centro fanse públicas as novas puntuacións que acurtan as distancias. O Centro segue sen contestar as alegacións presentadas polos dous candidatos galegos. 

CGAC
photo_camera CGAC

O proceso de selección para o director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) sitúa por sete décimas na cabeza ao candidato Santiago Olmo, ao que lle seguen os dous finalistas, ambos galegos, que optaron á praza e que presentaron alegacións ao proceso. Sen teren resposta oficial, os candidatos sometéronse esta terza feira a unha nova proba, non prevista na convocatoria, para a avaliación do nivel de idioma. Inglés, galego e francés foron as linguas das que foron avaliados ao teren que respostar preguntas xenéricas en cada unha delas. 

Se antes a diferencia era de doce décimas, agora acurtouse a sete quedando nas puntuacións definitivas Santiago Olmo con 77,55, Manuel Segade con 77,47 e Juan de Nieves con 71,62 puntos. Nas alegacións presentadas ao proceso de selección ponse en cuestión, entre outras cousas, o baremo empregado para a valoración de méritos no que se puntúa máis as publicacións que a experiencia na dirección e xestión de centros, o que foi interpretado por algún dos concorrentes como a maneira de beneficiar un candidato concreto. Fontes próximas indican que, cando menos un dos finalistas, continuará no proceso de alegacións para recorrer o proceso de selección no que, ao seu ver, cometéronse varias irregularidades. 

Comentarios