O CGAC continúa sen director e prolonga as exposicións até setembro

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) continúa sen ter nomeado novo director, despois de que o convulso proceso se saldase con Santiago Olmo como candidato máis puntuado, alegacións dos dous finalistas e a dimisión da presidenta e unha vocal do Padroado. Sen programación, veñen de anunciar a prórroga de case tres meses das mostras que se pechaban esta semana.     

cgac
photo_camera cgac

“Como tizón queimado. Christian García Bello” comisariada por Alberto Cartón tiña previsto previsto pecharse o 14 de xuño. “Téctonica”, a exposición do fotógrafo Manuel Vilariño  contemplaba o 21 de xuño como data de finalización. Son, sen dúbida, as grandes beneficiarias do complexo momento que atravesa o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). O 23 de xuño, anunciaba a través da conta de twitter que ambas mostras se prolongarán até o mes de setembro, sen día fixo de finalización. A decisión adoptada polo centro dependente da Consellaría de Cultura deixa á vista que a programación que deixara preparada Von Haffe, que anunciara a súa marcha hai máis de un ano, está xa finalizada. 

O proceso non se revisa mais segue sen nomeamento

Mesmo despois de que o PP confirmara no Parlamento, á iniciativa da deputada do BNG, Ana Pontón, que non revisará o proceso de selección do director do centro, o CGAC segue sen comunicar o seu nomeamento e Santiago Olmo continúa sen se incorporar ao traballo de dirección do centro. Tampouco os finalistas, os galegos Juan de Nieves e Manuel Segade recibiron resposta ás súas alegacións, nunha situación de parálise que se aprecia no propio devir do centro. 

No camiño, o CGAC ficou tamén sen a presidenta do Padroado, a médica e coleccionista Sofía Santos Pérez e a vocal, a profesora Marisa Sobrino, posibelmente as persoas máis vinculadas ao mundo da arte de todo o organismo. 

Vai xa máis de un ano que Miguel Von Haffe anunciou no pasado mes de abril que non renovaría o cargo de director que abandonaría a fins de ano iniciando unha interinidade que dura máis do previsto na propia programación expositiva. O portugués deixaba pronto un programa até o mes de xuño mais, mesmo así, a previsión quedou curta. O centro dependente da Consellaría de Cultura viuse na obriga de prolongar o período de apertura das dúas mostras a setembro, á espera de que a entrada vindeira de Olmo acelere os prazos e poda activar unha programación nova de cara o outono. Para entón as mostras de Manuel Vilariño e Christian García Bello terían superado o medio ano nos espazos expositivos do centro. 

Comentarios