A cestaría singular de Idoia Cuesta válelle o Premio Artesanía da Galiza 2021

O certame destaca a traxectoria do creador de gaitas Álvaro Seivane desde o seu obradoiro de Cambre. Así mesmo, levaron galardón as dúas iniciativas finalistas: Santiago Besteiro Design e Jafarta.
Feixoo e Conde posaron con representantes das firmas premiadas. (Foto: Xunta)
photo_camera Feixoo e Conde posaron con representantes das firmas premiadas. (Foto: Xunta)

A artesá da cestaría máis recoñecida do actual panorama galego, Idoia Cuesta, leva de novo un galardón para o seu obradoiro de Outeiro de Rei. A súa peza "Abisal", un cesto concibido con materiais procedentes da pesca artesanal reciclados, foi declarada Premio Artesanía da Galiza 2021. Tamén os finalistas Santiago Besteiro Design e Jafarta recibiron esta segunda feira os seus premios.

A cesteira logrou gran proxección hai anos dando a coñecer os seus deseños na Galiza e alén das súas fronteiras, pero nunha sorte de regreso ao mar, "Abisal" fai parte dunha colección baseada na zooloxía mariña.

Á hora de elixir Cuesta como gañadora entre as candidaturas que chegaron á fase final, a Xunta explicou que a creadora "é unha referencia na actualización das técnicas da cestaría e a súa aplicación a diferentes materiais como o téxtil ou a tanza de pesca", como é o caso de 'Abisal'. Precisamente, o xurado destacou a este proxecto por ser "unha peza contemporánea cunha manufactura tradicional e unha manifestación contundente do oficio".

Aliás, no acto no que se lle entregou o premio, levaron boa nota as outras dúas iniciativas finalistas: o obradoiro de Monterroso Santiago Besteiro Design e Jafarta, proxecto cuxa orixe está en Compostela. 

No acto de entrega coas autoridades da Xunta, que decorreu no Hotel Monumento San Francisco compostelán, tamén houbo lugar para a entrega do Premio Traxectoria -neste caso cun carácter de homenaxe- ao responsábel do coñecido obradoiro de gaitas Seivane (no municipio de Cambre), Álvaro Seivane Magide. 

O homenaxeado é continuador dunha herdanza familiar que ten as súas orixes en 1939 co patriarca Xosé Manuel Seivane Rivas. Agora, con Álvaro Seivane como mentor, o taller desenvolveu investigacións sobre cuestións de ton, de timbre, de afinación e de sonoridade e incorporou novos materiais sintéticos, entre outras iniciativas innovadoras vencelladas á familia da tamén ilustre gaiteira Susana Seivane.

Así mesmo, Julia de la Cal, do taller de cestaría A Parabólica, situado no Porriño, recibiu a Bolsa Eloy Gesto, dotada con 4.000 euros que investirá na continuación da súa formación en Francia, coa asociación L' Oserai du Possible.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, referiuse neste acto a unha artesanía do país que destaca polo "equilibrio entre tradición e innovación, entre a evolución, a modernización e a comercialización".

Comentarios