Cesáreo Sánchez Iglesias e Antón Cortizas, premios Losada Diéguez

Cesáreo Sánchez Iglesias por  Caderno do Nilo e Antón Cortizas por Tastarabás. Enciclopedia dos brinquedos tradicionais, son os gañadores da nova edición do Premio Antón Losada Díeguez, convocado polos Concellos de Boborás e O Carballiño. 

Cesáreo Sánchez
photo_camera Cesáreo Sánchez

Por unanimidade, Caderno do Nilo (Xerais) de Cesáreo Sánchez Iglesias resultou gañador da XXIX edición do premio Antón Losada Diéguez na categoría de Creación Literaria que recoñece unha obra publicada no ano anterior. A viaxe literaria de Cesáreo Sánchez no territorio do Nilo, foi valorada por un xurado que destacou a súa madurez e as novas achegas no ámbito estilístico e de revisión das propias experiencias, cunha voz singular que goza xa dunha sólida traxectoria no ámbito da poesía. 

En Caderno do Nilo o poeta  Cesáreo Sánchez Iglesias constrúe a súa viaxe poética a través da historia, a memoria, a cultura e a procura interior. O escritor conta cunha sólida traxectoria poética que se inicia con Silencios e conversas de Inverno en 1978,  e na que se inclúen títulos como A Árvore das sete palabras, Do olvido o río, O rostro da Terra ou O rumor do distante

“Só é posíbel escribir este libro e entrar con nudez e humildade noutra cultura se un percorreu xa a propia, se ten os alicerces fondamente chantados na propia cultura. Só así se abrirá o camiño para ir tamén á propia soidade. Finalmente, é aí onde conduce toda viaxe, ao centro da propia soidade”, explica Cesáreo Sánchez Iglesias no seu libro. Para Sánchez Iglesias a poesía é a súa forma de comunicarse “co mundo, unha forma de coñecemento. Pola poesía podes chegar á alma das cousas, ás capas máis fondas do que ves e sentes. Para min é a maneira de entrar no profundo do ser humano. A comunicación que se establece cos que len dáse nun territorio interior.” 

Anos de traballo e paixón

Na modalidade de Investigación e Ensaio, a obra gañadora foi Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais, un catálogo explicativo dos xoguetes que constitúen un patrimonio único herdado de xeración en xeracións que elaborou o escritor Antón Cortizas despois de anos de traballo e estudo. O xurado, composto por membros da Universidade da Coruña e Vigo, do Consello da Cultura Galega, do Museo do Pobo Galego e da Deputación de Ourense destacou a rigurosidade e o traballo polo miúdo na recompilación, reconstrución e conservación dun patrimonio cultural único de grande valor para as xeracións vindeiras. 

Tastarabás recolle arredor de mil brinquedos recompilados ao longo de dez anos que deron nunha obra monumental na que se atesoura o patrimonio da infancia doutros tempos. O autor, Antón Cortizas, define o libro como unha grande ludoteca tradicional ou mesmo un museo de brinquedos, boa parte deles reconstruídos por el mesmo. Cortizas defende o seu libro como un proxecto colectivo no que recoñece o labor de centos de informantes que contribuíron a súa elaboración e tamén de escritores e escritoras que manifestan “señardade pola infancia e son, a súa maneira, tamén fontes de información”. 

“Estase perdendo a transmisión oral e os nenos xa non teñen territorio propio. O libro dá ferramentas para poder construír estes brinquedos nun exercizo que é afectivo e ás crianzas encántalles. Ás veces pasan demasiado tempo sentados e apegados a aparellos electrónicos. Xogar, experimentar e saír á rúa é máis sá e divertido” explica o autor de Tastarabás. 

Os premios, que foron creados en 1985,  entregaranse o 14 de xuño no Pazo de Moldes, en Boborás e, alén do recoñecemento, están dotados con 6.000 euros por categoría. 

Comentarios