Escritor e director de márketing da empresa Prosistemas

César Pazos: "Se tivese que definir a miña novela diría que é unha obra antiimperialista e antifascista"

Sacou tempo durante as súas viaxes en avión e as noites de hotel para escribir unha longa novela, de case 900 páxinas, que viu a luz o pasado outubro na editorial cántabra Libros Indie. A comunidade das nacións é a súa primeira obra e nela recrea o mundo de conflitos e cambio climático de 2080, no que se enfrontan imperialistas, fascistas, islamistas e as faccións supremacistas dunha Europa que ten na Galiza a chave da restauración democrática.
cesar_pazos
photo_camera O autor da novela 'A comunidade das nacións', presentada no mes de outubro, César Pazos. (Foto: Libros Indie)

Na súa novela o mundo está en conflito e a solución tena a Galiza, como é iso?

O planeta está nun momento climático complicado porque se precisan cifras descomunais para crear unha cidade luar e explotar xacementos de Helio-3. No Estado español dáse unha singularidade fronte ao resto de Europa, porque as Constitucións europea e española o permiten, e é a promoción de Breixo Portela, dirixente da formación Galaicos, quen lidera unha comunidade de nacións entre Catalunya, Euskadi e a Galiza. Esta colectividade ten un ollo posto en Portugal pero nela non entra España.

O Estado español carece de referentes que convenzan a poboación de que deben formar parte desta agrupación, a súa única referencia é Leonor de Borbón, unha raíña marxinada polos partidos conservadores pero á que lle tocou vivir situacións moi dramáticas. As persoas simpatizan cos que sofren e, así, convértese por eliminación na única persoa que pode convencer a cidadanía desa adhesión, que permitirá a paz, a preservación da democracia e da Ilustración e a obtención do Helio-3.

Cal é a importancia do Helio-3 nese futuro?

Actualmente, hai teorías que falan de que se está a utilizar Helio-4 e Deuterio para crear un neutrón do que obter enerxía nuclear. Na miña ficción búscase Helio-3, que non dana o plasma solar e que ademais existe en tal cantidade que a humanidade pode explotalo por 5.000 anos, o que supón unha enerxía case inesgotábel.

E que papel desempeña a Galiza nesa cuestión?

En primeiro lugar acontece que a Batalla do Medulio ten consecuencias en 2080. E logo, o inicio dese ano inaugúrase co discurso de Mary Hamilton, a presidenta  de Europa, diante do Parlamento europeo. Ela pertence a unha  organización política que se chama Queltoe, que nace dunha conferencia de eruditos no Reino Unido que deciden que contra o cambio climático e o racismo europeos se potencie unha nova filosofía política que é o celtismo. Nese Queltoe está confederada a organización Galaicos, liderada por Breixo Portela. 

Trátase pois dunha ficción de carácter histórico?  

Dalgunha maneira... Fálase do Medulio, como xa dixen, da Idade Media, para a que me documentei coa obra de Anselmo López Carreira, nárrase a decapitación de Pardo de Cela... Pero se eu tivese que definila diría que é unha novela antiimperialista e antifascista. Ademais de ser un romance dramático o desencadeante da resolución do conflito que propón a novela.

Afondemos un pouco nese romance do que fala...

Breixo Portela ten un papel fundamental en que o Estado español entre na comunidade de nacións, que é necesario para o triunfo de Europa. Este papel vén dado porque é o líder peninsular e quen, dalgunha maneira, promove a aceptación de Leonor de Borbón dentro da confederación ibérica que lidera. Pero este labor acátao logo de comezar as negociacións coa ministra de Asuntos Exteriores da Coroa española, Elena Cueto,  da que se namora. O romance, do que Leonor é 'celestina', vai provocar grandes conflitos, tanto no seo de Galaicos, para Breixo, como no Estado español, para Elena. 

Para rematar díganos, como está a ser a promoción?

Estase a facer un esforzo importante e mesmo hai unha canle de Youtube na que participan actores e actrices de dobraxe da Galiza, e na que se recrean diversas pasaxes dalgúns dos capítulos. 

Comentarios