xoves 06/05/21

O Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual consolídase nunha terceira edición

Convoca a compañía Feira do Leste para promover a nova creación. Pódese concorrer até o 26 de marzo de 2021.
Imaxe promocional do certame.
Imaxe promocional do certame. (Foto: Cedida)

A compañía viguesa Feira do Leste convoca unha nova edición do Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual. Este proxecto, que se consolida nunha terceira volta, nace coa vontade de dar maior visibilidade aos novos dramaturgos e dramaturgas da Galiza a través da edición e publicación da obra nun volume con pezas doutros autores e autoras galegas que están a destacar actualmente polo emprego de novas linguaxes e temáticas.

Segundo declara a propia compañía, a aparición de novos creadores e creadoras con ampla formación e con linguaxes innovadoras para o panorama teatral galego, está a consolidar unha nova xeración de autores e autoras recoñecidas dentro e fóra das nosas fronteiras territoriais, que deben enfrontar graves eivas no eido da publicación e difusión da súas creacións.

Pode concorrer calquera persoa, sen importar a nacionalidade, sempre e cando presente un texto teatral (ou máis dun) inédito e non premiado noutros certames, que estea escritos en lingua galega ou cuxa lingua maioritaria sexa o galego. As obras poden ser de temática e extensión libre.

O premio consiste na publicación, recibindo o autor ou autora dez exemplares como compensación dos dereitos de autor.

O xurado, se así o considera, terá a opción de outorgar o premio a varias obras ou autores.

O prazo estará aberto até o 26 de marzo de 2021 ás 23:59 horas. O envío das obras farase exclusivamente a través do formulario de inscrición da páxina web oficial do certame ou mediante correo electrónico.

Na pasada edición, a obra Ofelia ou o cabeiro da cóbrega, de Fernando Castro Paredes, resultou finalista. Anteriormente, o xornalista Miguel Sande levou o galardón con A enterradora (blogue). Ambas as dúas pezas foron publicadas por Á Feira Edicións, selo creado para a edición de novas dramaturxias. O certame conta ademais co apoio da Deputación de Pontevedra.

comentarios