xoves 16/09/21
Análise

Centro Dramático Galego: cando a arte de dicir o verso está colonizada

A propósito da recente montaxe da 'Contenda dos labradores de Caldelas'. Carlos-Caetano Biscainho-Fernandes analiza neste texto un aspecto concreto da recente estrea do CDG: a declamación e a do verso en lingua galega. Un trazo que observa, ademais, nunha función na que interveñen actores  procedentes de varios puntos da lusofonía, cada un coa súa particular prosodia.

entremés almagro
Unha escena da montaxe do CDG e a Companhia de Teatro de Braga. (Foto: Festival de Almagro)

Faise penoso levantar unha cuestión incómoda en relación a un espectáculo que nos cativou tanto como o producido polo Centro Dramático Galego en parcería coa Companhia de Teatro de Braga.

Con certeza, compraceu constatar o interese do CDG nun título tan saliente da nosa dramaturxia, ben como o proseguimento da desexada colaboración coa creación escénica de alén Miño. Contentou tamén unha lectura do conflito afastada da discordia entre as comunidades pescadoras galega e portuguesa para focar outros asuntos relacionados co significado das fronteiras, en particular a que separa os miñotos de ambas as marxes e o seu neglixente xerenciamento por parte do centralismo español. E, aínda, deliciou escoitar unha oralidade que incorpora tantas variedades internacionais da nosa lingua.

Porén, achamos relevante chamar a atención para un aspecto á primeira vista subtil, mais indiciador da subxugación do galego, mesmo en facetas imprevistas, á lingua de Castela.

É coñecido como as grandes tradicións escénicas do mundo porfiaron en se prover dunha maneira propia de declamar, nomeadamente os textos poéticos. Os modos de dicir o verso son, en regra, harmónicos cos atributos prosódicos da lingua en causa e subliñan características apreciadas por esa colectividade. 

Así, o teatro inglés ten o seu xeito propio de recitar o verso dramático, acorde coa prosodia do idioma e caracterizado por unha frieza escalofriante que fai con que nos atravesen as emocións. Por súa parte, o francés buscou desde o XVIII un estilo propio de o facer, que hoxe manteñen as grandes compañías galas de repertorio. Recoñécese a recitación da escena rusa, claramente predisposta ás profundidades telúricas. No contexto ibérico, a escena catalá procurou desde Pitarra a súa especificidade declamatoria e no proxecto teatral das Irmandades da Fala sentíase tamén a necesidade dunha fórmula que encaixase na prosodia identitaria e nos recursos focalizadores característicos da nosa oralidade. Por razóns obvias, nada de certo sabemos das solucións adoptadas, mais tampouco tiveron oportunidade de se consolidar. Por iso, cando nos anos finais da ditadura se recuperou a actividade escénica galega no interior do país, houbo que improvisar solucións que se particularizasen en face das maneiras do teatro castelán. Manuel Lourenzo e “Pico” son exemplos emblemáticos desta procura –orientada pola intuición e o autodidactismo– e a montaxe para bonecos que o CDG fixo d’O Mariscal (1994) representa unha tentativa modélica neste sentido. Felizmente, desde 2005 a Galiza conta cunha Escola Superior de Arte Dramática que inclúe no plan de estudos da especialidade en 'Interpretación textual' dúas cadeiras en que se traballa o verso, propiciándose desta maneira un espazo para a elucubración do que pode ser o modelo galego da dicción poética.

Esta versión da Contenda achega formas declamatorias propias das dramaturxias en lingua portuguesa, cun elenco internacional que inclúe intérpretes de tres continentes. A parte galega está representada polo director, Fran Núñez, e a actriz Aisa Pérez, formada na ESAD-Galicia e con experiencia na Joven Compañía Nacional de Teatro Clásico de Madrid. Na ficha do espectáculo recóllese que é tamén responsábel polo “Apoio ao verso”.

E aquí vén a decepción. Nos excertos en galego interpretados por Pérez son frisados con arrebatamento exemplarizante todos os atributos que caracterizan a maneira española de dicir o verso: finais en alto; dicción moi soprada; expresión acalorada; ostentación emocional; modelo de duración silábica alicerzado nun centro vocálico consistente… Todos propios dunha interpretación verbal de raíz romántica e pretendido carácter latino que concerta unha severidade sonora case épica coa exaltación apaixoada de sentimentos.

O problema é que a oralidade da lingua galega non encaixa nese molde, polo que a prosodia é desvirtuada. Aliás, a énfase emocional e a súa exteriorización explícita cadra mal coas formas subtís e enxeñosas da idiosincrasia galega.

Se a isto sumarmos o contexto diglósico, o confronto escénico de dúas fórmulas declamatorias tan diferentes –a de xinea castelán e a dos intérpretes lusófonos– reforza prexuízos moi activos na nosa sociedade. A xerarquización entre a “dicción modélica” do verso de Pérez e a “desgobernada” dos actores de Braga que, con certeza, fixo o público de Almagro –onde foi estreado– será acriticamente asumida polo público galego, introducindo máis un elemento de colonización que se suma a todos os que ameazan a existencia diferenciada da lingua e da cultura galegas. E podemos facilmente adiviñar un rápido acollemento dese padrón declamatorio entre as actrices e os actores novos do país, esquecendo as referencias ensaiadas polas persoas que os precederon na profesión.

A cuestión incómoda con que se abría este comentario non é tanto o exemplo concreto de dicción do verso nesta versión da Contenda canto a inoperancia da ESAD-Galicia como espazo de experimentación e definición dun modelo declamatorio galego propio e o desleixo que supón non se esforzar por concibir unha maneira especificamente galega ou por adoptar algunha das empregadas nos teatros de expresión portuguesa.

Non se trata de chauvinismo: falamos de defensa da diversidade cultural desde a valorización do propio á marxe de esencialismos.

A primeira obra teatral en galego

A contenda dos labradores de Caldelas, tamén coñecida como o Entremés famoso sobre a pesca no río Miño é o primeiro texto teatral en galego que se conserva. Obra de Gabriel Feixoo de Araúxo, foi descuberta por Fermín Bouza-Brey e tivo a súa estrea moderna en 1973, nunha montaxe dirixida por Manuel Lourenzo e José Estruch. 

O Centro Dramático Galego, vén de estrear unha versión escénica da obra, en coprodución coa Companhia de Teatro de Braga, baixo a dirección de Fran Núñez, quen tamén dirixe o CDG. 

A montaxe, que se presentou ao público no Festival de Teatro Clásico de Almagro, tivo a súa estrea na Galiza na Mostra de Teatro de Cangas o pasado 10 de xullo, e poderá verse os vindeiros 22 e 23 no Theatro Circo de Braga.

comentarios