Centos de Rosalías inundan a rede

#EuSonRosalía, a campaña que botou a andar a AELG para conmemorar o día da poeta inunda de Rosalías a rede. Centros de ensino, o mundo da cultura e distintas entidades prepáranse para conmemorar a xornada. 

rosalia
photo_camera rosalia

O domingo 22 de febreiro, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) conmemora o acto central arredor do Día de Rosalía. Como en anos anteriores, será no Panteón de Galegos Ilustres, onde foron trasladados os restos da poeta, ás 12:00 horas, cun acto público con música e poesía. A Coral Solfa e Uxía porán o son a unha sesión poética e de homenaxe que contará coa participación, entre outros e outras, de Xurxo Souto, Mercedes Queixas, Xosé Iglesias, Fran Barcia, Ledicia Costas, Fernando Patricio, Andrés Collantes, Isabel Vaquero,Paula Carballeira, Carlos Lema, Vicki Rivadulla, Mónica Caamaño e Isabel Kerdudo. Lerase, como nas anteriores edicións, un manifesto da xornada que desta volta foi elaborado pola poeta Rosalía Fernández Rial e realizarase unha ofrenda floral.

No acto, pronunciará un saúdo o presidente da Asociación, Cesáreo Sánches que, máis unha vez, reivindicará a apertura pública do Panteón de Galegos Ilustres e a implicación social e institucional na conmemoración do Día de Rosalía. “Que Rosalía e Castelao, os dous enterrados no Panteón, estean desta maneira é metáfora do propio país. O recoñecemento de Rosalía significa tamén a capacidade de comprender o país e a súa problemática e transitar polo camiño de esperanza para construír unha sociedade nova, un novo tempo para a nosa terra”, sinala Cesáreo Sánchez. 

Emocionante, parécelle, a resposta que está a ter a campaña #EuSonRosalía, en especial, nos centros de ensino e na xente nova que busca a maneira de identificarse coa poeta. “Nótase o traballo consciente do profesorado nos centros escolares. A xornada estase a consolidar aínda que é preciso aínda que produza os desexados efectos, entre eles, a accesibilidade do Panteón e que no calendario escolar sexa recoñecido como un día dedicado á escritora. O lema deste ano quere mostrar a solidariedade coa obra e a figura de Rosalía, a identificación tamén”, defende Cesáreo Sánchez. 

"A xornada estase a consolidar aínda que é preciso aínda que produza os desexados efectos, entre eles, a accesibilidade do Panteón e que no calendario escolar sexa recoñecido como un día dedicado á escritora", di Cesáreo Sánchez.

Diversos concellos aprobaron mocións para dedicarlle oficialmente o día á poeta e son múltiples as entidades que arredor do 24 de xaneiro organizan actos dedicados a Rosalía. Como en anos anteriores, animan a agasallar un libro en galego e unha flor nese día. 

Durante os próximos días a AELG promoverá ou apoiará diferentes actos en moitas localidades e centros de ensino. Na propia páxina da asociación pódense consultar actos organizados tamén por outras entidades.  e polos centros de ensino que están a organizar as súas propias programacións

Tanto grupos de alumnado como persoas coñecidas do mundo da cultura están a sementar a rede de videos co cancelo #EuSonRosalia. Xurxo Souto, Marilar Aleixandre, María Canosa, Xabier Díaz, Xosé Iglesias, Rosalía Fernández Rial, Mónica Caamaño, Francisco Castro ou Ledicia Costas son algúns dos nomes que se puxeron na pel de Rosalía e o contraron a través dun video. Nesta ligazón pódense consultar algúns dos videos xa publicados. 

“De Cantares Hoxe” na súa casa 

Pola súa banda, a Fundación Rosalía, presentará o libro-CD, “De Cantares Hoxe” para conmemorar o día de nacemento da poeta. A terza feira, 24 de febreiro, cando se fagan 178 anos do nacemento da poeta organizará tamén a tradicional ofrenda floral en Santiago ademais do acto de presentación do libro-CD que terá lugar á tarde en colaboración coa Radio Galega. O Diario Cultural de Ana Romaní realizará un programa especial arredor da figura de Rosalía na Matanza de Padrón. 

“De Cantares hoxe” reúne poemas inéditos escritos por 36 poetas a partir dos escritos por Rosalía para “Cantares Gallegos”.  No acto intervirán  Manuel Forcadela, Antía Otero, Arturo Casas, Carmen Blanco, Luís González Tosar, Olalla Cociña e Xosé María Álvarez Cáccamo ademais das críticas Ana Salgado e María Xesús Nogueira. Pechará a actuación musical de Najla Shami  interpretando temas do seu disco dedicado a Rosalía. 

Rosalía ten frío 

A plataforma de crítica literaria feminista A Sega prepara para esa xornada un acto que consistirá en cubrir con prendas de abrigo as estatuas dedicadas a Rosalía para quitarlle o frío deste tempo. 

Na 1ª Semana Cultural Convergências Portugal-Galiza que se desenvolverá en Braga dos días 23 a 28 de febreiro Rosalía estará tamén moi presente coas intervencións musicais de Uxía e Narf ademais do relatorio de Anxo Angueira, investigador e presidente da Fundación Rosalía de Castro. 

Tamén outras Fundacións de casas de escritores homenaxean a Rosalía arredor do seu nacemento e, desta maneira, a Casa-Museo Manuel María acolle este sábado a proba final do concurso escolar de recitado de poesía “Rosalía sempre viva” na que participan 74 estudantes de toda Galiza. O programa inclúe tamén visitas guiadas á casa de Outeiro de Rei para o estudantado e as súas familias ademais de contacontos e xogos para as crianzas. A Fundación Risco, con Aira das Letras, adianta a este 20 de febreiro as actividades polo día de Rosalía coa presentación do volume da poesía completa ilustrado por Manolo Figueiras (El Patito Editorial) ademais dun concerto de Najla Shami. 

Comentarios