Lugo conmemora o centenario do 'Ulises' de Joyce

É unha das 18 cidades, e a única de todo o Estado español, que celebran a efeméride a nivel europeo cun completo programa de actividades baseado no capítulo VIII da icónica obra, 'Laestrygonians'.
Á esquerda, o percorrido previsto por Lugo no marco das xornadas; á dereita, o 'Ulises' de James Joyce.
photo_camera Á esquerda, o percorrido previsto por Lugo no marco das xornadas; á dereita, o 'Ulises' de James Joyce.

Lugo foi unha das 18 cidades europeas —a única da Galiza e de todo o Estado español— elixidas pola Ulysses European Odissey, cunha programación bienal, para conmemorar o centenario da obra literaria por excelencia do irlandés James Joyce, Ulises. O eventou aterrou na cidade amurallada esta sexta feira e despregará diferentes actividades até o próximo domingo, día 21.

A programación luguesa está baseada no oitavo capítulo do libro, Laestrygonians, no que o protagonista Leopoldo Bloom pasea polas rúas de Dublin o 16 de xuño de 1904 e para nun pub ao mediodía a tomar un petisco de pan e queixo gorgonzola, acompañado por un viño de Borgoña.

A comida e a bebida, de feito, cobran un papel relevante nestas xornadas, nas que se analizará a historia da tradución do Ulises ao galego; a literatura gastronómica; a estreita relación entre Galiza e Irlanda; as súas semellanzas culturais, artísticas e históricas, e a influencia do libro de Joyce, cumio do modernismo literario do século pasado, na literatura galega actual.

Presentación das xornadas, a finais do pasado ano. Na imaxe, Uxío Novoneyra, presidente da Fundación Novoneyra; Sean Doran, director artístico do proxecto, e Rubén Arroxo, tenente de Alcaldesa de Lugo. (Foto: Nós Diario)
Presentación das xornadas, a finais do pasado ano. Na imaxe, Uxío Novoneyra, presidente da Fundación Novoneyra; Sean Doran, director artístico do proxecto, e Rubén Arroxo, tenente de Alcaldesa de Lugo. (Foto: Nós Diario)

Tamén haberá sitio para un simposio no que se analizará o vizoso sector gastrocultural de Lugo da Galiza enteira, desde a produción até a distribución e o gozo da nosa gastrocultura, referente europea. Cociñeiros, produtores, académicos e labregos serán os encargados de explicar, en primeira persoa, as súas achegas a un factor cultural de primeira magnitude como é a alimentación.

As actuacións da Banda Filarmónica de Lugo, do colectivo poético Lupercais, a reconstrución sonora da Praza de Abastos de Lugo cara a 1920 pola Fundación Legar e unha interpretación danzada do capítulo VIII do libro a cargo da compañía 3Monos tamén forman parte do programa.

Ao longo destes días participarán do evento, aliás, Yolanda Castaño, Xavier Queipo, Cid Cabido, María Linheira, Francisco Castro, Antón Reixa, Genaro da Silva, Branca Novoneyra, Isaac Xubín, Keith Payne, Sara Plaza, Lois Diéguez, María Sánchez ou Álvaro Villasante, entre moitos outros e outras.

As xornadas luguesas deron o disparo de saída na mañá desta sexta feira cun almorzo introdutorio a conta de Maite Ferreiro, concelleira de Cultura de Lugo e vicepresidenta da Deputación; Augusto Paramio, director da Oficina Europea Creativa do Ministerio de Cultura; Gonzalo Francisco Fernández Suárez, decano de Humanidades do Campus Terra da USC, e Branca Novoneyra, directora da Fundación Uxío Novoneyra.

Comentarios