Un centenario para descubrir o Pepe Velo “máis aló do Santa María”

Alén do Ano Manuel María e do centenario das Irmandades, unha comisión está a traballar para reivindicar a figura de Pepe Velo cando se cumpren 100 anos do seu nacemento. “O personaxe a descubrir deste ano”, segundo Francisco Macías. 

pepevelo
photo_camera Pepe Velo

Desde a Comisión Pro Centenario Xosé Velo, da que forman parte Francisco Macías, de Edicións Positivas, Margarita Ledo ou o xornalista Aser Álvarez, entre outros, consideran que Velo é “un dos persoeiros galegos máis interesantes e descoñecidos do século pasado. A súa obra está inédita e a súa figura ficou case totalmente eclipsada polo secuestro do Santa María”, segundo se afirma na web do centenario

Efectivamente, Pepe Velo (Celanova, 1916 - São Paulo, 1972) é coñecido por liderar o secuestro do navío portugués 'Santa María' para chamar a atención sobre as dictaduras portuguesa e española. Pero a súa figura é moito máis ampla e “foi totalmente silenciada pola cultura oficial”, segundo a opinión de Francisco Macías.

“El era o máximo dirixente do DRIL e da toma do Santa María, e aínda así pasou desapercibido. Ten moita importancia, tanto na historia de Galiza, coma na de España e Portugal”, explica Macías, que busca razóns a ese esquecemento: “se cadra non foi recoñecido porque era un galeguista sui generis, e non era do PCE, era iberista, era un galeguista libertario”. 

“A súa obra está inédita e a súa figura ficou case totalmente eclipsada polo secuestro do Santa María”

Máis alá da súa actividade no DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación), Velo escribiu poesía e ensaio, colaborou co exilio e coas asociacións galegas tanto en Venezuela como no Brasil, fundou unha libraría e mesmo unha editora chamada Nós que só chegou a publicar unha antoloxía de Rosalía de Castro en portugués. pepevelo2

Sen embargo, toda a súa obra está inédita e emendar ese erro é un dos obxectivos da Comisión Pro Centenario. Edicións Positivas, que dirixe Macías, publicará as súas obras completas por xéneros: poesía, ensaios e unha biografía ampliada.  

Ademais, realizarase un documental, que dirixirá Aser Álvarez (autor doutros filmes sobre Celso Emilio Ferreiro e Francisco Leiro, en proceso de produción), e iranse publicando na web os achados que foi atopando ao longo de meses de traballo a Comisión: documentos inéditos, telegramas e informacións descoñecidas até agora que nos axudarán a coñecer mellor a esta personaxe apaixoante “que quixo transformar a realidade que lle tocou vivir unindo práctica e pensamento, con atrevemento e colectivamente”. 
 

Comentarios