O Censo de Patrimonio Cultural incorpora 27 novas embarcacións tradicionais

O Diario Oficial da Galiza publicou a incorporación de novas embarcacións ao seu Censo de Patrimonio Cultural e facilitou información sobre a súa tipoloxía e procedencia.
A traiñeira Vigo5 (Foto: Culturmar).
photo_camera A traiñeira Vigo5 (Foto: Culturmar).

A Xunta da Galiza vén de incorporar novas embarcacións tradicionais no seu Censo de Patrimonio Cultural no apartado de "embarcacións tradicionais e barcos históricos da Galiza". A nova listaxe publicouna o Diario Oficial da Galiza (DOG) este 14 de outubro. A orde recolle que se inscriben no Censo do Patrimonio Cultural 27 novas embarcacións tradicionais.

A traiñeira Vigo Cinco aparece como a maior das incorporacións, con 11,12 metros de eslora e un peso de 7,28 toneladas. Séguea a motora das artes Xeiteiro, dos anos 40, con 9,45 metros de eslora e 5,60 toneladas de peso. Na listaxe destaca tamén o galeón Coruxo, de nove metros de eslora.

Das novas inscricións, 19 corresponden a dornas de diferentes tipoloxías, entre elas unha dorna nai e unha de tope que superan os sete metros de eslora. Canda a elas, entran no censo unha xeiteira, unha de media construción e sete cordeleiras, sendo o resto polbeiras.

Información sobre as embarcacións

A mesma orde facilítase información sobre a denominación de cada embarcación, a súa tipoloxía, medidas e pesos así como a localización do seu porto habitual. A inscrición das pezas neste censo realizouse en base a informes de mestres carpinteiros de ribeira e da Asociación Galega de Carpintaría de Ribeira, que avaliaron as solicitudes recibidas.

A Xunta lembra na propia orde que, segundo a Lei do Patrimonio Cultural, "a inclusión dun ben no Censo do patrimonio cultural non determinará a necesidade de autorización administrativa previa para as intervencións sobre o dito ben".

A listaxe servirá como elemento de referencia para emisión de informes por parte da Consellaría e para outras actuacións institucionais en ámbitos como a "xestión sustentábel dos recursos culturais, a ordenación do territorio e o desenvolvemento económico".

Estas embarcacións súmanse ás 23 xa rexistradas no Censo de embarcacións tradicionais e barcos históricos da Galiza, sección do Censo do Patrimonio Cultural que se estreou o pasado mes de xullo

Comentarios