Cen collages de Cé Tomé para “Tocar Madeira” en Vigo

Cen collages que mostran o seu traballo cre-tivo de 25 anos nunha inmensa parede de 400 metros. “Tocar Madera” é o titulo da exposición que o artista Cé Tomé abre na galería A Nave de Vigo este sábado día 5 ás 18 horas. 

Cé Tomé
photo_camera Cé Tomé

O artista Cé Tomé reuniu todos os collages que conserva dos últimos vintecinco anos. Están todos os que pasaron o filtro para perduraren na súa colección, desde algúns dos primeiros tempos cando comezou a experimentar na madeira até os máis recentes, que introducen xa un traballo máis conceptual sobre o baleiro. 

Unha parede de catrocentos metros é todo un reto expositivo e unha posibilidade case única de facer balance dunha traxectoria creativa. Cé Tomé prefire non facer valoración da súa propia obra mais, desde a propia montaxe non pode deixar de mostrar o entusiasmo por ver recollida unha cantidade de obra que evoca, en certa maneira, a súa propia biografía, os lugares e os momentos nos que foron creadas cada unha das pezas. Aprecia no conxunto unha linguaxe propia, unha traxectoria persoal que o satisfai como creador. 

“As miñas obras están cheas de contido. Gústame que se podan apreciar como pezas fermosas pero preciso que teñan algo máis, unha ética dentro da estética. Unha imaxe fermosa non abonda se non ten unha idea detrás”, explica Cé Tomé que aposta polo que chama a “terceira vía” que debe moito a ese xogo cos baleiros que talvez proveña da súa fascinación pola escrita chinesa. 

Collages que toman corpo

Músico e fotógrafo, o collage en madeira foi tomando corpo na súa experiencia artística até ocupar o espazo que agora mostra na exposición de Vigo. “Cando hai dous anos expuxen os collages no Museo da Madeira tiven claro que era unha vía máis, xa non a irmá pequena, senón unha parte importante na miña obra. Dalgunha maneira cada vez fago máis collage con fotografía e introduzo máis collage na fotografía”, explica Tomé que leva a propia técnica do collage á maneira que ten de chamarlle ás obras, o que algúns poetas teñen tildado de “metalinguaxe” pola composición e descomposición dos nomes en novas significacións. O título “des-pose-ida” podería ser bo exemplo. 

Malia iso, o artista aposta por se expresar a través das imaxes, a que quen se achegue a súa obra descubra elementos e significados que non agroman a primeira vista. A explicación, a análise, veñen despois unha vez a obra está rematada e disposta a se presentar ao público. “Traballo por instinto, non analizo o que fago. Tanto coa fotografía como co collage, a interpretación intelectual vén despois. Nun tempo deume por fotografar fíos e cordas porque me resultaban interesantes e de aí naceu o discurso arredor do fío de Ariadna. Son moi serio no que fago mais o feito de elaborar as obras é unha acción lúdica e instintiva”, sinala Cé Tomé, de obras que se prestan a unha interpretación intelectual e estética. 

Por que madeira?

Por que madeira? “A  madeira elimina o medo á folla en branco. No sentido práctico apórtame a textura, dáme a sensación de distribuír pezas, non é homoxénea e podo xogar coas vetas, ten un toque de pel na súa cor. Cando plasmo unha imaxe sobre branco o fondo é frío, a cor lémbrame a pel humana, fai máis cercana a peza”. Aprendeu así a debuxar coa tesoira, cortando os materiais que converte á linguaxe contemporánea e desta técnica saen boa parte das obras que percorren a súa descuberta e o seu namoramento artístico de xa hai anos coa madeira. 

A exposición estará un mes aberta na galería A Nave de Vigo. Para a inauguración, alén de intervencións de Djs e unha performance, o escritor Heitor Picallo fará unha visita guiada pola obra de Cé Tomé, unha interpretación persoal que achegará ao público a distintas visións da obra, unha lectura particular das moitas que se poden facer diante das cen pezas que compoñen a mostra “Tocar Madera”. 

Comentarios