A toniña (Phocoena phocoena) é a especie de cetáceo máis senlleira e que está en peor situación de conservación en toda a Península ibérica. A especie desapareceu do Mediterráneo e é moi escasa no Cantábrico e Golfo de Cádiz. Polo momento o groso dos efectivos mantense entre o centro da costa portuguesa e Fisterra.
É por iso que a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) puxo en marcha unha campaña a diferentes niveis para promocionar a súa conservación, por unha banda reclamando das administracións "a toma de medidas urxentes" e por outra banda "unha campaña de sensibilización social, necesaria para que se coñeza a especie e que se esixa a posta en marcha de labores rectificadoras que permitan a sobrevivencia da mesma".
Deste xeito a Cemma ven de editar, coa axuda da Deputación de Pontevedra, dous materiais divulgativos orientados ás escolares e que serán presentados nun acto en Bouzas: Libro Cunchiña, para colorear as máis pequenas, e a Revista Salseiro, "cunha banda deseñada e atractivas ilustracións", de orientación infantil e xuvenil.
O evento terá lugar ás 11.30 horas no salón de actos do Liceo Marítimo de Bouzas, Vigo, e ademáis da devandita presentación -da man do biólogo Alfredo López- haberá unha rolda de preguntas e un debate, así como reparto dos materiais.