Celtis Australis, o novo son "optimista e aberto" de Pancho Álvarez

O quinto álbum do porriñés saíu á venda o pasado mes de setembro e conta coa colaboración dunha quincena de músicos

pancho álvarez música

O multinstrumentista Pancho Álvarez ven de presentar no pasado mes de setembro o seu último álbum individual, Celtis Australis. O traballo “pretende ubicar Galicia como o sitio dos celtas do sur, en contraposición aos considerados típicos países celtas do norte como Irlanda ou Escocia”, explica o artista nun comunicado. Por outra banda, o nome tamén fai referencia á denominación botánica do lodeiro, unha árbore ornamental que era coñecida polos romanos como ‘flor de loto’.

Álvarez volve contar con Fol Música para editar o seu novo disco, que se convirte no seu quinto traballo individual, e no que transita con madurez e frescura por un son “optimista, aberto e creativo”. O violinista comenta que a súa vontade é recoller “ecos da nosa viaxeira historia musical” e encarar a “modernidade e tradición coa mesma naturalidade”.

Un feixe de colaboracións

En Celtis Australis, o músico repite colaboración co escritor Suso de Toro, quen xa participara no disco anterior -Sonche Atlántico- e desta volta asina catro letras dos dezasete temas do novo traballo. Así, o autor galego participa en temas como Nas túas mans a miña casa, unha tenra canción de amor que conta coa colaboración de Álvaro Iglesias ao contrabaixo, ademais da presenza de instrumentos como o bouzouki, a guitarra ou a mandolina; Canto de Berce, un doce arrolo coa voz de María Solleiro; Unha tregua, na que comparte autoría co propio Pancho Álvarez e Darío González Moreira; e Outra mañá, tema no que fan acto de presenza instrumentos como a viola de gamba ou a armónica.

A listaxe de colaboracións continúa con Maruxa Álvarez Solleiro, quen toca a gaita nos temas Aires de aquí e acolá, onde tamén aparece Juan Álvarez ao mando do Ampeg Baby Bass; Baixo o Lodoeiro, xunto con Pablo Novoa na guitarra; e Danzas do Sur, unha canción que inclúe tres melodías do Cancioneiro Musical de Galiza de Casto Sampedro Folgar con arranxos de Xosé Paz Antón. Neste última tamén participan Carlos Beceiro na zanfona, Gutier Álvarez e Miguel Argibay nos violíns e Álvaro Iglesias no contrabaixo.

A maiores, María Solleiro tamén prestou a súa voz en A miña vida e Dos gregos aprendín, cancións asinadas por Magín Blanco e Manuel Forcadela, respectivamente. Álvaro Vieito toca a guitarra en O Cando mentres que David Migoya ocúpase da frauta de madeira e Xurxo Núñez da percusión na reinterpretación da Rumba do Sar. Asemade, o percusionista repite en Aires de Guimarães canda Antón Seoane ao acordeón.

Por último, os irmáns Castro Vicente axudan a redignificar a figura do Mestre Florencio, o cego dos Vilares, coa frauta de madeira, o birimbao, a concertina e o acordeón diatónico. O álbum complétase coas composicións individuais de Medulio, Pasodobre de San Roque e The Burren.

Un imprescindíbel na música tradicional galega

Pancho Álvarez encumbra así unha traxectoria de décadas. O músico, nado no Porriño, comezou na música moi novo, cando comeza a tocar a guitarra aos dez anos cos seus irmáns. Axiña inicia estudos de solfeo e violín no conservatorio de Vigo, ao tempo que comeza a súa andaina no grupo Na Lúa, como baixista primeiro e violinista despois. Álvarez continuará na agrupación durante quince anos nos que desenvolverá unha intensa actividade como arranxista e compositor e realizará as súas primeiras xiras por Europa ou Sudamérica.

Logo de Na Lúa, xa a inicios dos noventa, o multinstrumentista comeza o innovador proxecto musical Matto Congrio, co que realiza concertos e a gravación dun disco homónimo. Xa despois, arredor do ano 95, Álvarez comeza o seu traballo a carón de Carlos Núñez, a quen acompaña ao longo de toda a xeografía mundial nos seus concertos.

Conxuntamente co seu traballo con Núñez, forma parte do show The Chieftains entre 1997 e 2005, banda coa que grava os discos Santiago (1996) e participa en concertos como Live from Dublin – A Tribute to Derek Bell (2004), no San Patricio de 2010 e no Voice of Ages de 2011.

Aparte das actuacións en directo, o artista tamén participa en produccións audiovisuais. Un exemplo é a súa colaboración na banda sonora de Mar Adentro, o premiado filme do director Alejandro Amenábar. Aparece ademais en numerosos programas radiofónicos e de televisión, tanto en calidade de convidado como de colaborador.

Pancho Álvarez destaca como o violinista máis achegado ao estilo musical propio dos cegos. De feito, a homenaxe ao derradeiro grande violinista cego, Florencio, está presente en toda a súa obra individual. O seu primeiro disco en solitario, Florencio, o cego dos Vilares (1998) recolle e honra a figura do violinista da Fonsagrada, que morreu en 1986 e do que fican numerosas recollidas. O álbum foi recoñecido co Premio ao Mellor Disco Folk Europeo en 1989 pola revista Folk World. Logo deste traballo chegaron Nas Cordas (2001), Sólidos Galicianos (2009) e o xa mencionado Sonche Atlántico (2012), predecesor deste último traballo, Galicia Australis (2017).

Comentarios