“Celtas sen filtro” de novo en xira máis de trinta anos despois

A obra subiu á escena hai máis de trinta anos. A compañía leva en funcionamento máis de oitenta. “Celtas sen filtro”, con texto de Ferrín, volve representarse da man de Airiños de Asados, Rianxo, subindo o pano para dous fitos do teatro galego. 

Celtas sen filtro
photo_camera Celtas sen filtro

Son dous fitos da historia do teatro galego. “Celtas sen filtro”, obra de Xosé Luís Méndez Ferrín, chegou en 1983 á escena da man da compañía Teatro, con dirección de Eduardo Alonso sendo unha das obras de referencia no teatro dos oitenta. Airiños de Rianxo é a compañía máis antiga en funcionamento, creada hai máis de oitenta anos e que conta neste momento con tres grupos e máis de cincuenta persoas que ensaian todas as semanas. “Celtas sen filtros” de Airiños é así un acontecemento que volve a Rianxo este sábado día 7 de febreiro e se representará o domingo 8 en Valga e o 28 en Noia. 

“O texto caeu nas nosas mans e pareceunos estupendo. Como directora permitíame un teatro menos de salón xa que pasea por moitos espazos. Facer un clásico era, por outra parte, todo un reto”, di Esther F. Carrodeguas, directora da compañía. 

Petroleo na catedral de Santiago 

O “Celtas sen filtro” de Airiños “actualiza” a temática daquela outra obra estreada nos anos oitenta. “Trouxemos aos nosos días aquel feito que consistía en que o petróleo saia polas pedras da catedral, substituímos o tempo dos oitenta polo noso presente e o noso é un teatro máis popular que o que facía Artello”, explica a directora. A obra implica a 18 actores e actrices e unha nena que participa tamén na montaxe. Na parte técnica, a directora e un iluminador completan o cadro da obra. 

O sábado 7 volven a casa, a Rianxo, onde se estreou, o concello no que Airiños é unha referencia e forma parte da biografía familiar de moitas das súas casas. “Ensaiamos en Asados, de onde é un núcleo grande das persoas participantes. O teatro está moi arraigado, lévano como bandeira. Sempre se fixeron obras corais e arredor do teatro xérase moito movemento. Existe un singular sentimento de pertenza e a xente está interesada en que Airiños continúe, que prolongue a súa longa historia”, defende a directora, convencida da boa idea de que a obra “oitentera” estreada no 83 teña agora nova vida co Cadro Artístico Airiños.

Comentarios