Celso Emilio Ferreiro, procurador: arquivos inéditos da outra face do poeta

A profesional é se cadra a aresta menos coñecida dunha personalidade como a do poeta e político Celso Emilio Ferreiro. O Colexio de Procuradores de Vigo vén de dar a coñecer o achado de arquivos inéditos do autor, que permiten afondar desde outra óptica nun traballo que se cadra tamén irriga a súa lírica e, coma ela, o colocou do lado dos humildes: "Xa témo-las palabras que destruien / aos que portan a luz e van dediante: / pena de morte, / cadea perpetua, / pliego de cargos".
Documentos do arquivo inédito de Celso Emilio Ferreiro como procurador (Foto: Punto GA Comunicación)
photo_camera Documentos do arquivo inédito de Celso Emilio Ferreiro como procurador (Foto: Punto GA Comunicación)

Entre 1950 e 1966 Celso Emilio Ferreiro foi procurador en Vigo. Obtivo o título en outubro de 1949 e en setembro do ano seguinte trasladouse á cidade olívica para exercer como tal. Este dato, aínda que non descoñecido, fica eclipsado polas outras capas do que se convertería nun dos máximos expoñentes da poesía social galega baixo o franquismo. Agora, grazas a un recente achado, a outra aresta deses 16 anos fica un pouco máis iluminada.

“Como acontece moitas veces cos escritores, a súa faceta cultural agocha outras dimensións da súa vida”, declara a Nós Diario Luis Ferreiro, o actual director da Fundación Celso Emilio Ferreiro. O fillo do poeta e a institución que representa recibiron con “ledicia” o recoñecemento do traballo desenvolvido polo de Celanova, que lle rende o Colexio de Procuradores de Vigo a raíz da descuberta de máis de medio cento de documentos que permiten profundar nesta cara oculta da súa biografía.

O labor dos procuradores

A xunta directiva do colexio, que preside o decano José Antonio Fandiño, pretendían divulgar o labor dos procuradores -representar as persoas de a pé ante a Xustiza- na sociedade, e entre outras iniciativas buscaron entre o colexiado nomes coñecidos. Descubriron unha referencia de que Celso Emilio Ferreiro fora procurador en Vigo, o que os levou a investigar no seu arquivo.

Así aparecía o seu expediente, unha carpeta que reúne de 63 documentos que van “desde a solicitude de alta en 1950 até a de baixa, cando xa se atopa no exilio”, explica Xose García Canido, membro do equipo da iniciativa. Son cartas inéditas, rexistros da súa actividade como procurador e até un orixinal dos primeiros estatutos da entidade, en cuxa redacción participou activamente, sendo ademais vogal da súa primeira xunta de goberno. El tiña, para nos facermos unha idea, o carné número 18.

A defensa dos humildes non se cinguía á lírica na súa figura. Nos xulgados, antes situados nas actuais instalacións do Marco (Museo de Arte Contemporánea de Vigo), os casos dos que se encargaba eran fundamentalmente canteiros -como el dicía, esa “caste de poetas” que traballan “a pétrea arquitectura da nai terra”- ou mariñeiros, acusados sobre todo de delitos menores que tiñan a ver co contrabando, tan común na posguerra.

“Os procuradores, e máis na súa época, mantemos o pulso da sociedade a través do noso traballo diario. Unha experiencia que marca e nos fai sensíbeis ás dificultades que hai ao noso arredor”, asegurou Fandiño na presentación.Luis Ferreiro, director da fundación Celso Emilio Ferreiro, e Jose Antonio Fandiño, decano dos procuradores de Vigo, na presentación da iniciativa. (Foto: Punto GA Comunicacion)

Así mesmo, a correspondencia inédita deixa constancia das dificultades económicas que atravesaba Celso Emilio Ferreiro, que el mesmo recoñecía e foi motivo da súa marcha a Caracas. O achado completa 16 anos da biografía do polifacético poeta e político de Celanova, que mantén ao mesmo tempo unha oficina de seguros sociais, un obradoiro de fotogravado e colabora no Faro de Vigo.

Vasos comunicantes

Esa face oculta que pode mesmo levar a facer unha segunda lectura da súa obra. Neste período publicou, alén de O soño sulagado (1955, Colección Alba), a emblemática Longa noite de pedra (1962, Galaxia), coa que se consagra definitivamente como poeta.

“Eu non son estudoso de literatura, pero estou certo que se Celso Emilio non exercera como procurador a súa escrita non sería a mesma”, defendeu Fandiño

“Eu non son estudoso de literatura, pero estou certo que se Celso Emilio non exercera como procurador a súa escrita non sería a mesma”, defendeu Fandiño. García Canido afirma que volveu ler hai pouco este libro e nunca se decatara da presenza dunha “chea de termos vencellados á xustiza”. Deformación profesional, que lle chaman.

Así, no poema “O edificio”, suprimido a partir da edición de 1967 de Longa noite de pedra, pode apreciarse: “O monstruo abriu a boca: / xa témo-lo argumento / para ofercer aos dioses novas víctimas. / Xa témo-las palabras que destruien / aos que portan a luz e van dediante: / pena de morte, / cadea perpetua, / pliego de cargos”. Ou presenta máis adiante “a testimuña das feridas / -mocedá derrubada / tronzada frol de arelas-”.

2021: Ano Celso Emilio Ferreiro, procurador

En homenaxe ao labor desenvolvido, o Colexio recoñece Celso Emilio Ferreiro como Procurador de Honra e declara seu o vindeiro ano, no que se desenvolverán outras actividades, conmemorando os 70 anos do seu ingreso na entidade. Aliás, o arquivo cédese á Fundación que custodia o legado do poeta.

Foto no interior: Luis Ferreiro, director da fundación Celso Emilio Ferreiro, e Jose Antonio Fandiño, decano dos procuradores de Vigo, na presentación da iniciativa. (Foto: Punto GA Comunicacion)

Comentarios