O director denuncia “o xeito descoidado” do concello

A celebración do Festival de Cinema de Ourense, "imposíbel"

“Queremos subliñar a nosa perplexidade e decepción polo xeito descoidado en que as cousas se foron sucedendo”. Eis o resume do comunicado redactado polo director artístico do Festival de Cine Internacional de Ourense e mais pola produtora executiva. Segundo Fran Gayo e Analía G. Alonso, a celebración da 23ª edición prevista para outubro é xa imposíbel.
 

alcalde ourense fran gayo
photo_camera O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez (dereita), e o director do festival, Fran Gayo, na edición de 2017. Foto: Festival de Ourense.

O equipo de dirección tomou o mando do certame en 2016. Efectuou un xiro na súa programación e dimensión, que consolidou en 2017. “Os contidos para 2018 xa se puxeran en marcha”, afirman Gayo e Alonso na nota difundida esta terza feira. Mais o traballo para esta terceira edición baixo a súa responsabilidade, converteuse nunha sucesión de problemas e eivas causadas, maiormente, polo Concello de Ourense.

En febreiro deste ano, o equipo presentou a súa renuncia. A razón, a demora nos pagamentos por parte da Administración local a provedores, membros do festival e mesmo aos filmes premiados. “Non foi un feito illado, senón que se engadía a unha serie de situacións moi graves, alleas ao equipo do festival, que se deron durante os prepartivos da 22ª edición”, sinalan, “e que causaraon a caída de varios patrocinadores interesados”.

O Concello de Ourense reaccionou á dimisión e comezou a resolver os pagamentos, cinco meses despois do encontro cinematografico e, segundo Gayo e Alonso, prometeu poñer a disposición “todas as ferramentas para acadar que a de 2018 fose a mellor das tres edicións organizadas” pola actual dirección. Esta iniciou os preparativos., contactos e negociacións con produtoras e distribuidoras de filmes.

Mais o 13 de maio, a Concellaría de Cultura expón a Fran Gayo que o Concello non poderá contratar “ningunha outra persoa do equipo”. O motivo é a demora do Goberno local en aplicar a Lei de Contratos do Sector Público. “Dous días despois comunicásenos por teléfono que non hai solución posíbel”, expón o comunicado, “que o equipo non poderá ser contratado e polo tanto as posibilidades de que teña lugar a edición de 2018 son remotas”. A dirección desestima “de maneira rotunda” a posibilidade de facer o festival sen o resto do equipo.

O Concello de Ourense, o único das sete cidades gobernado polo Partido Popular, asegurolle á dirección que falarían uns días despois. Mais o que fixo foi sacar a licitación a organización da 23ª edición do Festival de Ourense. As bases aínda non están publicadas. É inviábel cumprir prazos para que o festival sexa en outubro, dado que os prazos tardarían, no mínimo, dous meses.

“Soubemos da licitación pola prensa”, denuncian Gayo e Alonso, quen consideran imposíbel que o certame poida organizarse nas datas habituais de outubro. Aínda non decidiron se optarán ao concurso.

Comentarios