O equipo de dirección tomou o mando do certame en 2016. Efectuou un xiro na súa programación e dimensión, que consolidou en 2017. “Os contidos para 2018 xa se puxeran en marcha”, afirman Gayo e Alonso na nota difundida esta terza feira. Mais o traballo para esta terceira edición baixo a súa responsabilidade, converteuse nunha sucesión de problemas e eivas causadas, maiormente, polo Concello de Ourense.
En febreiro deste ano, o equipo presentou a súa renuncia. A razón, a demora nos pagamentos por parte da Administración local a provedores, membros do festival e mesmo aos filmes premiados. “Non foi un feito illado, senón que se engadía a unha serie de situacións moi graves, alleas ao equipo do festival, que se deron durante os prepartivos da 22ª edición”, sinalan, “e que causaraon a caída de varios patrocinadores interesados”.
O Concello de Ourense reaccionou á dimisión e comezou a resolver os pagamentos, cinco meses despois do encontro cinematografico e, segundo Gayo e Alonso, prometeu poñer a disposición “todas as ferramentas para acadar que a de 2018 fose a mellor das tres edicións organizadas” pola actual dirección. Esta iniciou os preparativos., contactos e negociacións con produtoras e distribuidoras de filmes.
Mais o 13 de maio, a Concellaría de Cultura expón a Fran Gayo que o Concello non poderá contratar “ningunha outra persoa do equipo”. O motivo é a demora do Goberno local en aplicar a Lei de Contratos do Sector Público. “Dous días despois comunicásenos por teléfono que non hai solución posíbel”, expón o comunicado, “que o equipo non poderá ser contratado e polo tanto as posibilidades de que teña lugar a edición de 2018 son remotas”. A dirección desestima “de maneira rotunda” a posibilidade de facer o festival sen o resto do equipo.
O Concello de Ourense, o único das sete cidades gobernado polo Partido Popular, asegurolle á dirección que falarían uns días despois. Mais o que fixo foi sacar a licitación a organización da 23ª edición do Festival de Ourense. As bases aínda non están publicadas. É inviábel cumprir prazos para que o festival sexa en outubro, dado que os prazos tardarían, no mínimo, dous meses.
“Soubemos da licitación pola prensa”, denuncian Gayo e Alonso, quen consideran imposíbel que o certame poida organizarse nas datas habituais de outubro. Aínda non decidiron se optarán ao concurso.