O festival Outono Códax ofrece soul, ska ou rock & roll

Celebración das músicas negras

P.P. Arnold, heroína do rhythm and blues localizado na Inglaterra dos 60, abre esta quinta feira a o festival Outono Códax en Santiago de Compostela. Celebración das músicas negras de toda condición, polo certame, que acollerá a Sala Capitol e que se estende ate o 18 de novembro, desfilarán bandas de soul, ska, ou rock & roll clasicista.
 

PP-Arnold
photo_camera A cantante soul P. P. Arnold. Foto: cedida

Como aperitivo ao concerto de Arnold, os composteláns Cachas & Cousins ofrecerán unha sesión de ritmos xamaicanos da vella escola, do rocksteady ao ska. 

O ciclo continuará a sexta feira, 3 de novembro. Será a quenda de Hendrik Röver, histórico líder dos cántabros Los Del Tono, Óscar Avendaño á marxe de Siniestro Total, e o galego Juanjo Zamorano, que afondan  nos reberetes norteamericanos do rock. O sábado día 4, os suízos The Hillbilly Explosion encherán a Capitol de rockabilly. Acompañáranos os neoiorquinos Daddy Long Legs, ofrecidos a blues de garaxe, e o rockabilly dos galegos Mad Martin.

A derradeira sesión do Outono Códax será o 17 e o 18  de novembro. A sexta feira, o mallorquí Johnny B. Bad despachará en solitario -é un home orquestra- a súa síntese de rock de garaxe, surf e música dos anos 50. Con el estarán Lar&Freire -dúo de guitarra e batería con base en Compostela- amosarán a súa exploración do "fondo do espírito que teñen en común as músicas populares de todos os pobos do mundo". Ao día seguinte, os estadounidenses The Suffers, practicantes do novo soul, e mais o blues dos italianos Sugarddadies & the Cereal Killers pecharán o festival.

Nota de actualización: esta información foi corrixida debido a mudanzas na programación do festival.

Comentarios