sábado 29/01/22
CRÍTICA DE CINEMA

Crítica de cinema: 'Cegado pola luz', por A. Castro

Javed, un mozo británico de ascendencia paquistaní, aspira ser escritor. Non remata de atopar a súa propia voz pero un día descobre Bruce Springsteen. As letras e a música do “Xefe” provocarán en Javed un profundo cambio na súa forma de afrontar a vida.

filme

Bruce Springsteen, e a súa lexión de fans, están de parabéns. “O Xefe” acaba de facer 70 anos; vén de debutar como director en Western Stars (codirixido xunto Thom Zimmy), un documental arredor do concerto presentación do seu último disco estreado no pasado Festival Internacional de Toronto onde recibiu unha sonora ovación; prepara a pertinente xira para o 2020; e, como para poñer a guinda, Gurinder Chadha (Quero ser como Beckham) dirixe un musical que leva o título da primeira canción do seu primeiro álbum de estudo Greetings from Asbury Park, N.J., publicado en 1973.

Os musicais están de moda, pero non se trata de ningún biopic musical ao estilo Bohemian Rhapsody ou Rocketman, máis ben estamos ante unha mestura de Amence en Edimburgo (musical con cancións de The Proclaimers) e da recente Yesterday (cos Beatles como epicentro da acción). En Cegado pola luz todo xira arredor do furacán Springsteen.

A historia segue os pasos de Javed, un mozo inglés con ínfulas de escritor. A súa orixe paquistaní, unida ao férreo tradicionalismo da familia e, sobre todo, do seu autoritario pai, supoñen un verdadeiro hándicap para sequera achegarse ao seu soño. Xusto cando está a piques de tirar a toalla chega as súas mans un casete de Bruce Springsteen. As letras das cancións conectan inmediatamente co seu estado de ánimo. Da noite á mañá toda a súa existencia queda envorcada no “Xefe”, un novo guía espiritual e inesgotábel fonte de inspiración para atopar a súa propia voz literaria. Mais na familia de Javed só hai sitio para un “xefe”... e ese é seu pai.

A historia está baseada na novela autobiográfica de Sarfraz Mazoor titulada Greetings From Bury Park: Race. Religion. Rock'n'Roll, que tamén colabora no guión xunto coa propia Gurinder Chadha e o seu marido, e habitual colaborador, Paul Mayeda Berges. Como reza o título, a historia trata das orixes, da relixión e, claro, do rock and roll. O conflito familiar (nesta caso paterno-filial) e a integración dos inmigrantes da Asia Meridional son dúas das especialidades, e temas recorrentes, da directora británica de orixe indio. Ademais, a súa particular visión consegue dar o filme un punto de orixinalidade ao, ultimamente manido, xénero musical transmitindo, con bastante credibilidade, esa obsesión adolescente de cando se atopa un novo ídolo que dea sentido á fútil existencia.

Un musical atípico no que tamén se pode escoitar música de Pet Shop Boys ou A-ha, porén é algo meramente anecdótico e, probablemente, con sentido burlón. A oda é a Springsteen e iso é o que importa. Soan as súas cancións máis coñecidas (ata 1987, que é cando se desenrola a acción): Born to Run, Badlands, Hungry Heart, The River e, claro, Blinded by the Light, que dá título ao filme malia que, curiosamente, foi popularizada por Manfred Mann cunha versión que número un das listas de éxitos en 1977.

Véndese como a “feel good movie” do ano, pero nada máis lonxe de ser unha peli que dea bo rollo. Trátase máis ben dun drama social inspirador, de superación, afouteza e con emotiva mensaxe final. De feito, se quitamos as cancións de Springsteen teríamos perfectamente un filme de Ken Loach; o cal, por suposto, para nada vai con sentido pexorativo.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Crítica de cinema: 'Cegado pola luz', por A. Castro
comentarios