Contracultura

Cecília Ferreira: "É moi importante que se fagan eventos como este, que aproximen Galiza e Portugal"

Cecília Ferreira, dramaturga, vén de participar no proxecto Dramaturxias Itinerantes, que ten o obxectivo de promover o encontro de creadoras escénicas da Galiza e Portugal. Ferreira aborda a súa implicación nesta iniciativa así como aspectos desta xuntanza, xa que como ela di, "somos pobos con moitas máis cousas que nos unen das que nos separan".
Cecília Ferreira quere promover un maior diálogo entre Portugal e Galiza. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Cecília Ferreira quere promover un maior diálogo entre Portugal e Galiza. (Foto: Nós Diario)

—De onde partiu a súa participación en Dramaturxias Itinerantes?
Foi unha invitación que me fixo Cláudia Marisa. Ela, alén de ser unha creadora portuguesa, é profesora na Escola Superior de Música e Artes do Espetáculo (Esmae) no Porto, onde eu tamén estudei. Cando ela recibiu o convite por parte da Galiza tiña que propor unha dramaturga portuguesa e lembrouse de min. É algo que me deixa bastante honrada porque estou a representar a dramaturxia portuguesa na Galiza, na liña doutras grandes dramaturgas que xa o fixeron como Joana Craveiro, Patrícia Portela e Cláudia Cacela. Por iso me fixo moi feliz ese convite e a ida a Galiza.

Eu non coñecía este proxecto, para min foi unha novidade e foi a través da miña participación que puiden ver o que xa se fixera en anos anteriores. 

—En Dionísia fala da convivencia entre a loucura e a cordura. Por que este tema?
O teatro sempre comenta ou critica a realidade. Nestes momentos, miro como está o mundo e para min ten todo o sentido falar de loucura. É unha urxencia, porque o mundo está nun sitio perigoso, á beira do abismo. E a fronteira entre a loucura e a cordura é moi tenue.

Hai cousas aparentemente banais, que nun instante poden explicar a loucura. Cousas pequenas que acontecen e que nos poden irritar nun primeiro momento, mais repetidas no tempo poden levarnos ao límite. As personaxes de Dionísia son as ménades e eu penso que os seres humanos somos ménades en potencia. Podemos axitarnos facilmente, podemos pasar dun lado ao outro rapidamente. Temos tantas preocupacións, tantas inquietudes no día a día, en relación a nós, ao mundo, aos outros...

O mundo é moi esixente e estamos constantemente confrontadas co erro, a falla, a perda, a consciencia cada vez maior das nosas propias imperfeccións. E penso que iso fai que a loucura estea cada vez máis achegada a nós. Quen estea vivindo estes tempos, aínda que sexa saudábel e consciente, ten medo de volverse tolo. Eu teño medo de volverme tola.

Vivimos sen tempo, en piloto automático, sen paciencia, sen serenidade, sen tempo para pensar nin para facer nada. Cada vez fálase máis do burnout, de estar queimado no traballo, na educación que non vén das familias, a nivel global tamén. Penso que precisamos axuda e que miramos os gobernos e sentimos que eles tamén perderon o norte, tamén están perdidos, cansos, con solucións erradas. Sentimos que estamos nun punto sen saída e, ao ver para fóra, vemos as guerras, o planeta, a inflación, a pobreza das persoas... E despois vemos o populismo medrando. 
Quizais eu sexa demasiado pesimista, mais quero dicir que as ditaduras están aí, a espreita. E nós xa vimos este filme antes.

Parece que non conseguimos anticipar as cousas e, nun momento dado, na violencia, hai que falar de loucura obrigada. Parece que non podemos escapar de aquí e, por tanto, é sumamente urxente falar da loucura e do perto que está da cordura e do atentas que temos que estar para que non arraigue en nós e no mundo.

—Como foi a acollida nas representacións?
O público acolleunas moi ben. Sentín que percibía a sutileza das palabras e que en xeral conseguira entender o sentido global do que estabamos a facer. Para min é moi importante que se fagan eventos como este, que aproximen, porque Portugal e Galiza aínda somos pobos con moitas máis cousas que nos unen das que nos separan. Creo que deberíamos inspirarnos máis nesta idea para que haxa unha maior continuidade, aproximación e diálogo. Eu mesma, a raíz desta viaxe, penso que estarei máis pendente das posibilidades e propostas que vaian xurdindo.

Comentarios