Cé Orquestra Pantasma: "No xogo é onde as crianzas aprenden a gobernar a súa vida"

Infancia, natureza e patrimonio cultural. Estes son os tres eixes fundamentais sobre os que se ergue Miudiño Sociedade Cooperativa Galega. Desde a música de Cé Orquestra Pantasma até os obradoiros de xoguetes tradicionais, talleres para crianzas con base na creatividade ou a estimulación cognitiva até a educación ambiental. Todo isto é Miudiño. Conversamos con César Freiría, un dos impulsores da cooperativa, para saber máis deste proxecto.
Cé Orquestra Pantasma (Miudinho)
photo_camera Cé Orquestra Pantasma (Miudinho)

Como se condensaron estes tres piares -infancia, natureza e patrimonio cultural- na cooperativa Miudiño?

Eses son os tres grandes trazos que nos definen e, a partir de aí, fixemos a cooperativa, que naceu en 2016. Estaba integrando Cé Orquestra Pantasma, por un lado, co traballo discográfico, e a elaboración de xoguetes tradicionais, mediante o Tastarabás, a enciclopedia de brinquedos tradicionais de Antón Cortizas, desde a que fixemos un primeiro católogo. Á faceta editorial, na que de momento sacamos 2 traballos discográficos con Cé Orquestra Pantasma, súmase agora unha nova colección na que vén de saír á luz o primeiro libro, Os nosos bosques. Por outra banda, Cé Orquestra Pantasma ten actuacións e obradoiros en espazos de xogo e sempre con base na natureza, aprendizaxe e respecto á infancia. Agora tamén incorporamos unha liña de eduación ambiental, aínda que o proxecto máis potente no que estamos inmersos agora é a modificación, enriquecemento e naturalización de patios de escolas.

Que se procura coa naturalización dos patios de escola?

Nós facemos formación nas escolas, reflexións para lograr un cambio de mirada na educación e, sobre todo, na mirada dos adultos cara aos pequenos, para recoñecer as súas necesidades básicas. O dos patios vén a raíz do monopolio do fútbol e dunha pérdida da cultura do xogo brutal. Por outro lado tamén un afastamento da sociedade e da natureza, da súa falta de contacto. Neste senso, atopámonos con patios cheos de cemento, cun espazo moi grande utilizado por uns poucos privilexiados. O xogo libre, a mochila de coñecementos que nós levábanos, cortouse alá polos anos 90.

No xogo é onde as crianzas aprenden a gobernar a súa vida, a decidir con quen queren estar, a gañar, a perder, a frustrarse, a avanzar, a alcanzar obxectivos... As crianzas xa non xogan na rúa, e a escola ten que darlle ese espazo, ten que servir de compensador de toda esa falta de movemento e liberdade das nenas. Hai que procurar ese cambio de mirada dos mestres. Require a implicación da sociedade educativa en total. Nós demos ese paso e facemos desde formacións até un proxecto para crear un bosque no patio, para enriquecelo sempre con materiais naturais, madeira, e crear espazos, con mobiliario feito por nós. Tanto nos xoguetes como nos patios respectamos a madeira e a súa naturalidade.

Estes días tamén están achegando vídeos para crear brinquedos desde a casa.

Si, e o outro día fixen tamén un concerto que tiña pendente no Salón do Libro, xusto o espectáculo novo que ía presentar alí. Está colgado na web. E tamén comezamos a facer brinquedos. Por un lado entendo que a xente procure contactar a través das redes, mais ao tempo ten bastante perigo que nos enchoupemos no dixital e que procuremos todo na pantalla, que mal usadas son un dos grandes problemas que ten a infancia hoxe en día. O tema dos brinquedos é algo diferente, non é un concerto no que estou pasivo, senón que podes ser partícipe. Nos próximos días iremos soltando máis, con algunha volta. Nós temos un obradoiro de creación libre que se chama "Argallando". Nestes vídeos a xente copia o que eu fago, mais será interesante que eu apareza con algo feito e que cada persoa pense como crealo. A información está a golpe de clic, trátase de buscar xente que lle poida dar á cabeza ante un problema e que atope solucións, traballar o pensamento creativo. Para os tempos que nos tocan precisamos solucións creativas. O importante, alén do propio proceso manipulativo, é o equilibrio mente-mans. Dar todo feito implica que, ao final, só creemos robots. 

Comentarios