O CDG estrea un espectáculo sobre o poeta luso Daniel Faria

Mañá quinta-feira estréase no Salón Teatro 'Daniel Faria', unha montaxe que afonda na figura do poeta portugués Daniel Faria, coproducido polo CDG, o Teatro Nacional D. Maria II de Lisboa e o Teatro Municipal Rivoli do Porto.

danielfaria
photo_camera Daniel Faria

‘Daniel Faria’ é o título do segundo espectáculo do programa de coproducións do Centro Dramático Galego 2016-2017 que, da man do creador vigués establecido en Portugal Pablo Fidalgo, lle achega ao público a figura deste autor e monxe luso, considerado un dos mellores poetas do século XX do seu país. A peza, estreada en Lisboa a semana pasada, chega agora a Compostela para ofrecer catro funcións no Salón Teatro desde mañá quinta feira até o sábado, ás 20.30 h, e o domingo, ás 18.00 h.

Enigmático personaxe

O Teatro Nacional D. María II da capital portuguesa e o Teatro Municipal Rívoli do Porto son as outras dúas entidades coprodutoras desta peza, que xorde a partir do interese persoal de Pablo Fidalgo pola figura de Daniel Faria, da que xa coñecía a súa poesía, así como do convite que lle trasladou o D. María II para traballar sobre este enigmático personaxe que, a pesar da súa recoñecida calidade literaria, é un dos grandes descoñecidos das letras portuguesas. Daniel Faria (1971-1999) tivo unha vida excepcional. Aos 27 anos entra no mosteiro beneditino de Singeverga, onde morre pouco máis dun ano despois por mor dunha caída no baño da súa cela.  O seu pasamento provocou un impacto tan forte entre os seus amigos que, 18 anos despois, aínda manifestan unha especial emoción cando narran as súas vivencias. 

Daniel Faria (1971-1999) tivo unha vida excepcional. Aos 27 anos entra no mosteiro beneditino de Singeverga, onde morre pouco máis dun ano despois por mor dunha caída no baño da súa cela.

Este proxecto foi construído precisamente a partir de entrevistas con persoas que o coñecían, así como das experiencias do equipo no mosteiro, visitando a cela de Faria e entrando en contacto cos seus obxectos persoais e cos que lles regalaba os seus amigos. Neste sentido, segundo os seus próximos, o compartir foi o 'leitmotiv' de Daniel Faria: compartir a palabra, a amizade, a poesía e a fe, así como o teatro, onde o autor atopou unha linguaxe única. 

É por iso que o concepto de compartir serviulle a Pablo Fidalgo de eixo para un intenso proceso creativo arredor do mundo de Daniel Faria, que dá lugar a unha peza sobre a transcendencia, sobre un home que escolle unha forma de vida extrema e dialoga con Deus. Xunto cos ‘performers’, sobre o mesmo escenario sitúanse os espectadores, reforzándose así a intimidade e a conexión co público.
Pablo Fidalgo, quen ademais de asinar a creación e o texto de ‘Daniel Faria’, comparte escena como ‘performer’ xunto a Tiago Gandra e asina a iluminación con Nuno Figueira. 

Escritor, dramaturgo e comisario de artes escénicas, Pablo Fidalgo (Vigo, 1984) regresa con esta proposta á sede do Centro Dramático Galego, co que xa colaborou en anteriores proxectos. Entre a súa produción escénica destacan títulos como ‘Habrás de ir a la guerra que empieza hoy’, recoñecido como o mellor espectáculo do ano 2015 polo diario portugués ‘Público’. O creador galego é, ademais, o director artístico do festival Escenas do Cambio.