CCOO denuncia a “Administración paralela” da Consellaría de Cultura para as intervencións no patrimonio

O sindicato critica que se utilicen fondos públicos para realizar labores que debería acometer o persoal propio da Xunta.

Sauna da Idade de Ferro en Cervo [Imaxe Mariña Patrimonio]
photo_camera Sauna da Idade de Ferro en Cervo [Imaxe Mariña Patrimonio]

Comisións Obreiras (CCOO) denuncia a existencia dunha “custosa Administración paralela” que opera desde hai dous anos na Consellaría de Cultura para as intervencións no patrimonio cultural galego.

Neste tempo, afirma o sindicato, a Xunta gastou, “como mínimo, un millón de euros nos anos 2019 e 2020 para privatizar un servizo público de forma que nin sae máis barato nin se garante un traballo de mellor calidade”.

No Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado 9 de xullo publicouse unha resolución da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural na que se adxudicaba á empresa Tecnoloxía e Servizos Agrarios, S.A. (TRAGSATEC) a “execución do servizo técnico cualificado para a análise e informe das intervencións que se pretendan realizar en bens de interese cultural ou catalogados, así como, de ser o caso, no seu contorno de protección ou na súa zona de amortecemento”.

Segundo CCOO, trátase dun traballo que deberían realizar arquitectos e arqueólogos da propia Consellaría, que teñen a condición de funcionarios públicos e presunción de veracidade nas súas actuacións. 

O sindicato critica que se encomende o labor a unha empresa “que nin ten entre as súas finalizades este tipo de tarefas, nin conta con persoal especializado e formado para executalo, nin este pode tampouco contar coa devandita presunción de veracidade”.

Comentarios