Máis de 400 cartas que afondan no autor e na emigración

O CCG pon na web o epistolario do escritor e tradutor Lois Tobío

A correspondencia do tradutor e intelectual Lois Tobío é pública a través da web do Consello da Cultura Galega. Unha ferramenta para mergullarse na vida e na obra do xornalista así como no mundo da emigración galega.
CCG_pr_destacados_lois-tobio (1)
photo_camera Imaxe do autor Lois Tobío. (Foto: CCG)

O Consello da Cultura Galega (CCG) pon na rede o epistolario do diplomático, xornalista e tradutor Lois Tobío. Un total de 432 cartas nas que se “dá conta da variedade e da riqueza das súas relacións, así como da vixencia do seu pensamento”.

O CCG explica que a través destas misivas se “nos permite descubrir a visión europeísta e integradora de Tobío e da súa xeración”, así como as iniciativas culturais da emigración e que nos axudan a reflexionar sobre a historia recente da Galiza, de Europa e de América.

O epistolario presentase acompañado dun artigo da profesora da Universidade de Alcalá de Henares, Montserrat Bascoy no que dá as claves para comprender e contextualizar a correspondencia.

“O que mais me chamou á atención é actualidade e a vixencia dos temas que se tratan. Hai moitas ideas que nos poden servir para reflexionar sobre cousas que nos afectan hoxe, como son os aspectos derivados da memoria histórica ou a dependencia económica do turismo” conta Bascoy.

As cartas que conforman o espistolario que agora se pon na rede pertencen ao fondo familiar que a súa filla, Constanza Tobío, que o cedeu ao CCG para a súa difusión.

Tecnoloxía e patrimonio

"Que poden facer as técnicas de análise non destrutiva pola restauración e conservación do Patrimonio?” é o título da nova sesión dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural, unha cita que organiza a Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG e que busca mostrar, a través de casos prácticos, como a tecnoloxía destinada á conservación e á recuperación nos axuda coñecer mellor o patrimonio.

O debate en directo ten lugar ás 18 horas de hoxe, pero os vídeos das intervencións están tamén dispoñíbeis a través da web do Consello.

Comentarios