O CCG abre as cartas de Luís Seoane

Son 1600 misivas do inmenso epistolario de Luís Seoane as que o Consello da Cultura Galega fai públicas a través do primeiro dos epistolarios publicados na rede. Seguirán no proxecto as cartas de Paz Andrade, Silvio Santiago, Lois Tobío ou Manuel Puente. 

Carta de Xohán Ledo a Seoane
photo_camera Carta de Xohán Ledo a Seoane

“Ten sabido que sempre me terás a túa disposición, non para te pagar o favor, que non podería, senón para te amosar que non traballas e lembras de Galicia en balde”. Quen escribe é o artista Xohán Ledo, fundador, ilustrador e deseñador de boa parte das capas e dos libros da primeira etapa da Editorial Galaxia. Diríxese a Luís Seoane, ilustrador e iluminador de libros en Bos Aires por quen tanta admiración confesaba o deseñador de Vigo. A misiva saíu de Vigo e dirixiuse a Bos Aires, nunha viaxe a través do Atlántico que surcan a maior parte das 1.600 misivas que o Consello Galego da Cultura fai públicas no seu proxecto “Epistolarios”, unha iniciativa que sacará á luz os documentos privados enviados ou recibidos por carta dalgúns dos principais nomes da cultura galega. 

Dunha beira a outra do océano

A correspondencia que publica agora en rede o Consello da Cultura Galega mostra as cartas de ou a Seoane nunha comunicación establecida con máis de 200 persoas. Francisco Fernández del Riego con 284, Domingo García Sabell con 85, Armando Zegrí con 72 ou Ramón Piñeiro con 69 son os interlocutores con maior número de cartas no seu epistolario. Os temas máis recorrentes deixan á vista tamén a traxectoria de Luís Seoane labrada ás dúas beiras do océano. Centro Galego de Bos Aires, Editorial Galaxia, Galicia Emigrante, Galería Bonino, Cuadernos Grial, La Nación, Revista Galicia, La Noche, Museo Carlos Maside, Sargadelos son os asuntos dos que máis fala o creador galego. 

As cartas foron dixitalizadas, editadas e contextualizadas por un equipo de documentalistas e filólogos e permite realizar buscas por temas ou nomes a través do conxunto destes escritos que Seoane elaborou para a comunicación persoal sen vontade de seren publicados mais que dan grande información sobre a súa figura e o acontecer intelectual do seu tempo. De cada unha das cartas pódese acceder ao orixinal -manuscrito ou a máquina- e tamén a súa versión dixitalizada. O traballo inclúe unha ficha de identificación persoal das duascentas persoas que se escriben con Seoane. A colección ampliarase nos vindeiros meses con cartas relacionadas co grupo de Sargadelos e as amizades do exilio, entre outras. 

O epistolario foi presentado esta cuarta feira na Fundación Luís Seoane, que estivo representada polo seu secretario Xosé Díaz, no primeiro acto despois da destitución da anterior presidenta Silvia Longueira.

 

Comentarios