Caxade “revélase” como mellor artista nos Premios Opinión

Caxade pecha un extraordinario ano co Premio Opinión ao mellor artista despois de ter publicado o seu primeiro álbum “A Dança dos Moscas” (Discos da Máquina). “Sotaque” de Xosé Manuel Budiño fíxose cos outros dous premios, o de mellor disco do anos e mellor tema orixinal. 

Alonso Caxade
photo_camera Alonso Caxade

O primeiro traballo de Caxade converteuse na grande revelación da tempada que lle vale agora o ser escollido como mellor artista nos Premios Opinión que se entregaron a noite da sexta feira na Coruña. “”A Dança dos Moscas”, editado polo selo cooperativo “Discos da Máquina” esgotara en só o mes a súa primeira tirada e conseguira o aplauso da crítica e do público. A musicóloga Dorothé Schubarth foi galardoada co premio “Andaina Senlleira” polo seu traballo na recollida de pezas tradicionais nos anos setenta e comezos dos oitenta. 

Renovador da música tradicional, como mostrou coa interpretación da noite como compoñente do grupo Pel de Noz, Alonso Caxade recibiu o premio cunha intervención na que pulou por unha tradición que estea presente nos novos ritmos, conservando a súa esencia e a súa riqueza musical. 

Xosé Manuel Budiño recibiu dous dos premios da noite, o de mellor traballo polo seu disco “Sotaque” e o de mellor canción orixinal por “Déixame adiviñar”, tema no que tamén participou o actor Carlos Blanco e que interpreta no disco o portugués Antonio Zambujo. 

Os premios do folk galego que cada ano convocan á música de raíz na Coruña entregáronse nun acto no que tamén se sentiu a música de Anxo Pintos e Serxo Ces, o cuarteto Saiva Nova e o gaiteiro Pablo DeVigo. 

Comentarios