mércores 19/01/22

Caxade representará a Galiza no Festival Europeo de Linguas Minoritarias

Logo de 90 concertos polo país adiante, Caxade vén de ser seleccionado como representante galego no Festival Europeo da Canción en Linguas Minoritarias Suns Europe que se celebra en Udine (Friuli, Italia) o próximo 11 de decembro.

CAXADE foto
CAXADE

En Udine participarán nove bandas, entre as que se encontran propostas vascas, bretoas, occitanas e frisoas. A gañadora levará un premio de 2.000 euros e a participación en varios festivais europeos. 

Esta última opción faille especial ilusión a un Caxade que xa realizou  90 concertos en Galiza e Portugal desde que presentara en 2013 o seu disco 'Dança das moscas'. “Saltar a Europa sen pasar por España sería moi bonito”, retruca mentres reflexiona sobre as dificultades de entrar no mercado musical español: “España como estado debería ter abertos os ollos e as orellas ao que pasa nunha comunidade como a nosa, pero desgrazadamente iso non acontece. Gustaríame ir a España, pero non é a miña ambición”.

“Para min persoalmente é un paso moi importante, porque desde o quilómetro cero notei moito cariño no público e chegar a un festival coma este é un pasiño máis para a consolidación  do proxecto”, explica Caxade, quen ademais valora o feito de que sexa un festival de linguas minorizadas dado que “nos dá acceso a grupos que temos escaso acollemento no contexto no que nos movemos a diario”. 

Primeira edición do Suns Europe

Esta será a primeira edición do Suns Europe, que substitúe ao Liet International que se organizaba desde 2002 en Frisia (Holanda). Por aquel festival pasaron diferentes formacións galegas, como Uxía, Fran Pérez 'Narf', ou Mafia Galega. Nesta nova xeira defínese como o Festival Europeo de Artes Escénicas en Linguas Minoritarias e acollerá diversas actividades do 25 de novembro ao 11 de decembro deste ano, entre a que destaca este concurso de canción moderna. Está aberto a todas as minorías lingüísticas tal e como se definen na Carta Europea de Linguas Minoritarias. 

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Caxade representará a Galiza no Festival Europeo de Linguas Minoritarias
comentarios