Caxade inicia no Culturgal unha xira coa Banda de Música de Bandeira

Revelación con A Dança dos Moscas, Caxade inicia un novo proxecto musical canda a Banda de Música de Bandeira que arrincará no concerto central do Culturgal, o 6 de decembro. 

Caxade
photo_camera Caxade

Se o Culturgal é escaparate de propostas e inicio de novos proxectos, desta volta un dos momentos máis agardados será a “maridaxe” musical entre Caxade e a Banda de Música de Bandeira, máis de sesenta músicos en escena nun concerto que terá lugar o día 6 de decembro no Culturgal, no Pazo da Cultura de Pontevedra. 

Caxade & Banda de Música de Bandeira iniciará na Feira das Industrias Culturais, con produción de Sinsalaudio, unha minixira da que sairá a gravación dun disco en directo. “En Bandeira todo é música, independentemente da idade, é o principal tema de conversa no pobo”, afirma Alonso Caxade que suma a súa música á da banda para un novo e xa agardado proxecto. 

Con A Dança dos Moscas (Discos da Máquina), Caxade converteuse nun artista de referencia no panorama musical actual, esgotando a primeira edición e converténdose, co seu primeiro disco, nunha das sorpresas musicais do ano, xa presente tamén no Culturgal da pasada edición en formato showcase. Máis de medio cento de concertos, aplausos da crítica e Premio Opinión ao mellor Artista 2013 avalan a súa potente entrada no mundo musical galego. 

Ademais de Alonxo Caxade na voz e acordeón, compoñen a banda Manu Paino, trompeta e carillón, Manu Espinho, bombardino e Xosé Tunhas na batería. 

Comentarios