Catro entidades suman forza para parar a destrución do conxunto arqueolóxico de Coeses por Fomento

A construción da A-54 pode arrasar o conxunto arqueolóxico de Coeses. O desvío anunciado por Fomento significa a destrución da necrópole de inhumación que, se non se para, se producirá sen ter concluídos os traballos arqueolóxicos. Catro asociacións únense para facerlle fronte á desfeita patrimonial que se pode producir coa actuación do Ministerio. 

imaxe da necrópole
photo_camera imaxe da necrópole

A A-54 que está a construír o Ministerio de Fomento pode rematar cun patrimonio histórico único que catro asociacións queren preservar. O conxunto arqueolóxico de Coeses está en perigo, e a modificación do trazado que anuncia Fomento pode levar por diante a necrópole de inhumación, antes mesmo de se rematar as escavacións arqueolóxicas. 

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, Amigos do Patrimonio de Castroverde, Cultura do País e Lugo Patrimonio, co apoio de Mariña Patrimonio únense para salvar o conxunto formado polo Castro Valente máis as súas necrópoles, en Coeses, ameazadas de destrución polas actuacións do Ministerio de Fomento na construción da A-54. En primeiro lugar, as asociacións porán en coñecemento da ameaza sobre o patrimonio a institucións culturais e o propio Concello de Lugo como unha inicial actuación dunha campaña que vai continuar co fin de parar a desfeita. 

Segundo informan as asociacións, o Ministerio tería comunicado a desviación da A-54 uns vinte metros do seu trazado inicial no lugar da Chousa de Rodeiro ou Chousa do Castro co fin de e salvar o xacemento mais iso “implicará a destrución total da necrópole de inhumación e a división en dous do conxunto arqueolóxico do Castro Valente”. 

As actuacións de Fomento desenvolveranse, segundo as previsións, sen se teren concluído os traballos arqueolóxicos preceptivos co que se destruirá un patrimonio de valor incalculábel. 

A Xunta, cómplice

Pola súa parte, ADEGA, solicitou ao Servizo e á Dirección Xeral de Patrimonio “que non se pregue aos intereses de Fomento e da empresa construtora” e faga cumprir a lei para protexer o xacemento de Coeses e a necrópole de inhumación. Insta así á Xunta a que obrigue ao Ministerio a afastar a autovía do ben patrimonial “o contrario sería ser cómplice da destrución dun xacemento único, patrimonio de todos e todas, que ficaría destruído a maior gloria do desbaldimento de cartos públicos noutra infraestrutura cara e inútil” apuntan nun comunicado.

Comentarios