Catro días para se atopar coa historia propia en Foz

A Asociación A Pomba do Arco rencóntrase co pasado de Foz e a Mariña na XIX edición das xornadas que cada ano revisa o seu propio pasado. Teatro, conferencias e documentais os días 28, 29, 30 e 31 de xullo ás 20.30 horas.

Durante catro días, do 28 ao 31 de xullo, a XIX Xornadas de Historia de Foz ofrece conferencias, teatro e documentais para se achegar ao pasado da localidade e da Mariña luguesa. Serán na Casa da Cultura “Poeta Manuel María” e iniciaranse coa representación da obra De vello gaiteiro, comedia de Manuel Lugilde Penelas, que fora mestre en Foz. Foi precisamente o grupo Pomba do Arco quen volveu levar a escena a obra en 1999, setenta anos despois da súa estrea no teatro Rosalía de Castro de Foz. Desta volta é o grupo Pico do Castro quen volverá sobre esta obra composta e representada sempre pola veciñanza de Foz. 

“Celtas e bretóns na Mariña lucense” será o título da conferencia que o profesor Filipe Senén protagonizará na segunda xornada, o día 29 de xullo, unha intervención na que se achegará ao bispo Maeloc que se asentou na parroquia de Bretoña ou do Mosteiro Máximo e a súa vinculación coa Basílica de San Martiño de Mondoñedo. Aos hórreos remitirase o profesor Xosé María Leal Bóveda na súa charla do día 30, prestando especial atención aos que existen na localidade de Foz así como ao ciclo do pan, desde a colleita á conservación ou á manufacturación. 

O peche terá lugar o día 31 coa proxección do audiovisual “La guerra de Severo” sobre o coñecido como mestre don Bernardo, nome que empregou no seu tempo de mestre na localidade de Foz Adolfo Lucas Reguilón, máximo dirixente da guerrilla en Madrid e nos Montes de Toledo. 

Comentarios