Catro citas para sentir “vertixe sonora”

O ciclo de música contemporánea Do Audible, dirixido por Vertixe Sonora Ensemble, bota a andar na Coruña cun programa sobre as cidades invisibles. Lugo, Pontevedra e Lalín acollerán as outras citas nas que a música dialoga co pensamento, a arte e a ciencia. 

vertixe
photo_camera vertixe

A terceira edición do ciclo de música contemporánea, Do Audible, dirixido por Vertixe Sonora Ensemble, arranca a vindeira terza feira, día 26 na Fundación Luís Seoane da Coruña cun programa arredor das cidades invisibles. 

Como nas anteriores edicións, o ciclo fai dialogar a música coa arte, a ciencia e o pensamento e nesta primeira parada do programa será o divulgador Fernando Palacios, cunha ampla traxectoria en Radio Nacional (RNE), o que se ocupará de dar as claves para achegar ao público a música contemporánea. Vertixe Sonora Ensemble será a encargada de, en colaboración de 4+1 Piano Ensemble, interpretar música dos compositores Iago Hermo, Mauricio Pauly, Bernardo Barros e Stefan Beyer.

Ciencia e pensamento

Na Casa do Saber, en Lugo, terá lugar a segunda sesión do ciclo co concerto “Eloxio do mínimo” nunha xornada na que o compositor Alberto Bernal dialogará co investigador en arte contemporánea Federico López Silvestre. Obras de Peter Ablinger, Luc Ferrari, Franz Liszt, La Monte Young, Giacinto Scelsi, Mathias Spahlinger e Alberto Bernal completará o programa desta segunda cita do ciclo que continuará xa no mes de outubro no Café Moderno Afundación de Pontevedra cun encontro entre o compositor Joan Bagés i Rubí e a astrofísica Ana Ulla Miguel que darán conta dun programa que leva como título “Incerteza”. O ciclo chegará ao seu fin o 25 de novembro no Museo Ramón María Aller de Lalín co programa “Baleiro” no que dialogará compositor Miguel Ángel Tolosa e ao filósofo Javier Turnes e no que se interpretarán obras do propio Tolosa, do mexicano Andrés Nuño de Buen e do noruegués Ingar Zach.

Os concertos son de balde até completar a capacidade dos espazos. O ciclo está organizado pola Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, coa colaboración de Vertixe Sonora que comisaría o programa. 

Comentarios