Catorce estreas teatrais no FIOT de Carballo

Estamos ás portas da 24ª edición do FIOT. Co outono volta o teatro a Carballo con catorce estreas en 37 días de intensa actividade. 
 

fiot
photo_camera Presentación do FIOT

Desde o 25 de setembro ata o 31 de outubro serán 37 días de intensa actividade polos que discorrerán 34 espectáculos, catro estreas absolutas, unha delas dunha compañía de fóra de Galiza, dez estreas de espectáculos en Galiza, compañías de sete comunidades autónomas e dous países (Portugal e Arxentina), tanto consolidadas como emerxentes; e referentes como as actrices Blanca Portillo ou Charo López, premios nacionais de teatro, premios Max e María Casares. 

Haberá grandes directores e directoras, creacións colectivas, fiestras para novas tendencias, algunha novidade como a apertura do festival na rúa, proxectos que se amplían como a Rúa dos Contos coas Sesións Dobres no Mercado, ou o Fiotiño, as actividades formativas e de intermediación para espectadores/as activos/as e o rico programa expansivo do FIOT. Sempre coa mesma arela de ofrecer calidade. 

Tras as bambolinas volverán situarse grandes directores e directoras, como Yayo Cáceres, de Ron Lalá en coprodución con Galo Film, ou o cineasta Agustí Villaronga; creacións colectivas e fiestras para novas tendencias no transgresor Ciclo OTNI. O venres 25 de setembro (21.00h) na mesma Praza do Concello de Carballo terá lugar a apertura do Festival con Vaivén Circo, unha compañía andaluza que se está facendo un oco no panorama nacional e internacional. Nesta edición tamén se amplía e reforza a programación da XVII Rúa dos Contos con sesións dobres no Mercado Municipal; a extensión do Fiotiño a tres días de diversión teatral para case 60 nenos e nenas e un completo programa de actividades paralelas que suma ás citas xa habituais (Escola do espectador, Café con, concurso radiofónico de teatro lido, etc.) un "Taller de humor para torpes".

O escenario do Pazo da Cultura volverá encherse coa presenza de recoñecidas figuras do teatro estatal como a actriz Blanca Portillo ("El testamento de María", sábado 17/10, estrea en Galiza). Outro personaxe recoñecido, o da Celestina, revivirá nun monólogo poético e emocionante na pel de Charo López ("Ojos de agua", sábado 31/10) baixo o selo da compañía Ron Lalá. Outro nome coñecido pola súa aparición na pequena pantalla é o da actriz Inma Cuevas ("La Señora", "Gran Hotel" ou "Velvet") quen coprotagoniza a dramática "Constelaciones" (domingo 18).

A 24 edición tamén será recordada por ser a segunda vez na que unha compañía non galega protagoniza unha estrea absoluta na programación de sala. En 2013, foi Titzina Teatre con "Distancia 7 minutos" (que continúa rodando con moito éxito polos escenarios nacionais) e o vindeiro 24 de outubro será con "Los esclavos de mis esclavos", da madrileña Producciones Meridional coa que o FIOT mantén unha longa relación xa que estiveron noutras 4 ocasións no Outono de Teatro, gañando o Premio do Público en 2003 con "Miguel Hernández". O resto das estreas absolutas corresponden ás tres das Rúas dos Contos: os últimos espectáculos dos galegos Antón Coucheiro (venres 2), Os sete magníficos máis un (domingo 11) e Quico Cadaval (lunes 12).

No que respecta ás estreas en Galiza, no marco da programación de sala, o público poderá sorprenderse e gozar coa soberbia e arriscada "Los nadadores nocturnos", de Draft.Inn (venres 16); coa orixinal versión do texto universal de Shakespeare "Othelo", dos arxentinos Gabriel Chamé (venres 30); e con tres das catro obras do ciclo OTNI: "Latente", da canaria Paula Quintana (luns 12), "Mamá Gallina" dos vascos Pez Limbo (sábado 17) e "Locus Amoenus", dos cataláns Atresbandes (domingo 25). No marco da Rúa dos Contos, as estreas son JuanCállate, de Pez en Raya (sábado 10) e "El fin del mundo está cerca", de Chanson Mor Món (sábado 3).

En canto ás producións galegas, o programa inclúe unha compañía xa familiar para o público carballés e outra novel. A primeira é Teatro do Morcego (venres 23) que, baixo o liderado do carismático Celso Parada, traerá a sátira "Presidente" (que se presenta este venres 18/09); e a segunda, Cinema Sticado que chega ao FIOT co primeiro espectáculo da súa triloxía Strpts "Episodio 1: Mirlo&Rula".

Vellos coñecidos das táboas carballesas son, tamén, Mofa e Befa (Evaristo Calvo e Víctor Mosquera baixo a dirección de Quico Cadaval) que regresan á Rúa dos Contos co seu estilo máis acedo en "A Galiña" (domingo 4). Na outra banda, Xabier Deive e Luís Iglesia, dous actores televisivos de gran popularidade, soben por primeira vez ao escenario máis gamberro do FIOT para reflexionar sobre a existencia en "Filosofando" (sábado 10).

Comentarios