Marea teatral: catorce compañías ingresan en “Escena galega” nunha “acción colectiva”

Como unha “acción colectiva” definen o ingreso en Escena Galega de catorce compañías de teatro e danza entre as que se atopan Voadora, Chévere, Il Maquinario ou Inversa Teatro. Nunha situación que definen como “crítica” trazan unha estratexia para “reconstruír o sistema escénico galego”. 

 

teatro Rosalía

Chévere, Voadora, Pisando Ovos, Il Maquinario, Redrum, Inversa Teatro, A Panadaría, Borja Fernández, Artesacía, Aporía escénica, Funboa Escénica, Bocaberta, Lamacana e Traspediante decidiron formar parte de Escena Galega ao tempo, nunha “acción colectiva” que definen como un “fito na traxectoria do teatro galego” de cara á confluencia teatral. Afirman querer sumarse así “ao pulo das mareas cidadás que están revolucionando o panorama teatral galego”.

A acción responde á que cualifican como “crítica” situación do sistema escénico galego, cun modelo de subvencións “obsoleto e inoperante”, continuos recortes e o desmantelamento da Rede Galega de Teatros e Auditorios. “Por tanto, para reconstruír o sistema escénico galego, dar respostas fronte á crise e dotarnos dunha cultura viva, participativa e con futuro, comezamos por fortalecer o espazo asociativo profesional”, afirman, nun comunicado pendurado na páxina de algunhas das compañías no que anuncian a vontade de “cociñar proxectos ilusionantes en común”. 

Nova directiva e convocatoria

Confían en aproveitar a oportunidade dos novos gobernos municipais e deputación para “levar adiante as políticas necesarias para superar a crise que o goberno da Xunta foi incapaz de deseñar e xestionar”.

Escena Galega, que agrupa a grupos de teatro, danza, circo e títeres, suma agora 33 compañías.  A recén nomeada directiva composta pola presidenta de Escena Galega, Belén Pichel (Abrapalabra); a vicepresidenta, Merce Castro (Eme2); o secretario, Xoque Carbajal ( Malasombra); o tesoureiro: Tatán Cuña (Tanxarina); e os vogais Xesús Ron (Chévere), Areta Bolado (A Panadaría) e Artur Trillo (Talía) convocan a unha roda de prensa en Compostela esta terza feira -Teatro principal ás 11.30 horas- para presentar os seus obxectivos e a estratexia que deseñan para acadalos. Entre os fins que se marca Escena Galega está “reconstruír o sistema escénico galego e sacalo da súa crítica situación actual, plantexar un novo modelo de subvencións e abrir novas dinámicas de traballo entre as compañías”. 

Comentarios