Arrancan os Xoves de Códax

Catas sonoras á beira da ría

Hai concertos que deberan ser como unha cata. Se se programan, ademais, nunhas adegas, con maior motivo. O viño como contexto, a nosa música como anfitriona dun convidado/a que tamén sumará melodías e o público como privilexiado. Son concertos únicos, como coinciden en comentar a cantante Uxía e algúns espectadores reincidentes destes Xoves de Códax, que comezaron a pasada quinta feira a súa VII Edición.

WhatsApp Image 2018-07-09 at 11.36.36
photo_camera Un momento do concerto, con Guadi Galego e Iván Ferreiro no palco

Sete veráns programando fusións artísticas, en moitos casos inesperadas e irrepetibles, nun enclave privilexiado: a terraza das adegas Martín Codax, en Vilariño (Cambados). Unha sorte de espazo chill out sen agresión á paisaxe, onde semella que o albariño entra aínda mellor; canto máis, a medida que o sol vai caendo sobre a panorámica impagable da ría, das suas vides e das súas bateas.

Hai sete anos, coa publicación de A Cada Canto, naceu esta iniciativa que, por fin, trouxo a Guadi Galego de “Volta a casa”; a un “jardín” no que “allí reunidos estaban todos los que importan”. E nunca máis acaída a elección desta letra para ilustrar que volveu da man do tamén veciño destes mares, Iván Ferreiro, máis do seu irmán Amaro. Explican dende a organización que levaban tempo tras esta parella, pero por cuestións de axenda aínda non fora posible. Eles, Guadi e Iván, os máis interesados en fundir acordes. Tanto e así que unha fonte das adegas asegura entre viño e viño, canción e canción, que a famosa banda sonora da serie Fariña, que consagrou para o grande público a unión destes dous artistas, naceu precisamente o ano anterior, da potencialidade que ambos viron en propostas como as que se dan neste ciclo. Quen tivo a sorte de asistir, por exemplo, ao dueto Uxía e Silvia Pérez Cruz o verán pasado aínda se lle pon a pel de galiña ao lembralo.

Hai concertos, por tanto, que deberan ser como unha cata. E as catas non son para beber, son para degustar, saborear, experimentar, deixarse levar, descubrir sabores e matices que só un contexto intimista e cálido como o desta terraza permiten. O contexto e o saber estar, o saber a que ves, o coñecer a arte dos pequenos sorbos, nos que se concentra o carácter e a singularidade do viño ou da canción. Hai unha frase mítica que di: "Silence is sexy". Os xoves do Códax poderían telo todo: ser sexys, cool, universais… e solidarios; pois uns prezos irrisorios para unha proposta destas características, cuxo custe se triplicaría en calquera outro lugar do Estado, son destinados sempre a entidades sen ánimo de lucro, este ano, concretamente, a Cáritas de Arousa. Pero falla a empatía. Fallamos, como tantas veces, as persoas, o noso individualismo, a nosa falta de respecto, a nosa obsesión —cecais condicionada polos tempos— por exhibirnos, por estar: o postureo, nunha palabra, e a falta dunha educación e dunha pedagoxía que ensinen a escoitar.

A famosa banda sonora da serie Fariña, que consagrou para o grande público a unión destes dous artistas, naceu precisamente o ano anterior, da potencialidade que ambos viron en propostas como as que se dan neste ciclo

As colas de máis dunha hora para entrar nun recinto con aforo limitado non sorprenden no sentido de querer coller sitio, digamos, en primeira liña de praia. Unha vez dentro, no entanto, a realidade é outra e quen se apura é para algo tan surrealista como para poder enteirarse do concerto e non das conversas alleas. Conversas, selfies, photocalls, punto de encontro, tapa e viño… de todo menos música. Ou mellor dito, a música non como concerto único —non vai saír ningún álbum destas maridaxes feitas só para a adega—, senón como banda sonora dun terraceo máis de verán. E non é iso. E é unha pena.

Din os compañeiros de son que xa levan tempo traballando nisto que este ano é un dos máis tranquilos. Dende a organización, explican tamén que se buscan fórmulas para correxir esta eiva, como a de limitar a venda de entradas a grupos, pero aínda así o ruído segue a se impor á melodía. Un ruído incómodo para o público que paga polo concerto, non por deixarse ver; para o anfitrión —tanto por si mesmo como pola responsabilidade cara ao convidado— e para a propia adega, que coida con mimo cada detalle —o albariño co que te reciben ao entrar incluído— pero ten que lidar cun comportamento que lle resta, e moito, á marca e ao prestixio dunha proposta tan valiosa como a que fan.

Vale que o mundo adega está de moda; vale que neste tipo de actos se pechan negocios —só hai que mirar de esguello o parking de alta gama para darse de conta de que hai xente que vén traballar—; vale que en casos como os da quinta feira pasada, cun convidado como Iván Ferreiro, o rollo groupi era previsible… pero isto non é nin O Son do Camiño nin PortAmérica —que comezaba precisamente horas despois tan só a uns quilómetros de distancia de Cambados. Isto é unha proposta ben distinta, “onde se pode e se debe facer o que queirades”, como dixo Guadi Galego na presentación, “bailar, cantar, calar, rir”… pero sempre dende o respecto e o goce do que estás vendo e sentindo, e isto non o dixo ela porque hai cousas que, de obvias, non debería facer falla explicitalas.

Guadi e Guille Fernández non provocan o mesmo efecto fan que os irmáns Ferreiro, e iso tamén era demasiado evidente tanto na comunicación non verbal como na intensidade do barullo en función de quen estivera cantando ou da autoría do tema compartido. Pode ter lóxica, salvo no barullo, claro, e mesmo pode ter algo positivo, como falaban nunha mesa, que algunha xente saia convencida, sorprendida gratamente dunha música que, en principio, non coñecían ou non compartían e dende agora deciden incorporala á súa playlist. Pero non é suficiente, facer un esforzo por positivizar non chega, e moito menos cando cadra coa presentación dun último traballo, o de Guadi Galego, como o da Bola de Cristal, cheo de letras adicadas —nas súas propias palabras— á empatía, a rachar fronteiras, á sororidade, a recoñecérmonos, tamén nos demais, xusto o que máis brillou pola súa ausencia na hora e pico de cata sonora.

As condicións fixeron difícil entrar no concerto, mais os e as que fixeron o esforzo de dar o paso e os/as que, malia as condicións, o conseguiron, de seguro que gozaron por igual das interpretacións individuais e fusionadas, e de seguro tamén que superaron prexuízos, de telos, sobre as etiquetas “folk” e “indie” de unha e outro.

“Acople Perfecto”, como escribía Guadi en Coplas de Estrelas. Así soaron —ou parecía que soaban— a conxunción norte-sur que nos regalou Martín Codax. E que nos regalaron eles, con momentos moi moi norte, como Cedeira —o tema que precisamente levou Guadi a Late Motiv o pasado día das Letras Galegas— e moi moi Iván Ferreiro, como El Pensamiento Circular. Non faltou o activismo, as Matriarcas abriron, de feito, o concerto; nin os himnos xeneracionais, véxase o falso peche, o falso último bis con Turnedo.

As condicións fixeron difícil entrar no concerto, mais os e as que fixeron o esforzo de dar o paso e os/as que, malia as condicións, o conseguiron, de seguro que gozaron por igual das interpretacións individuais e fusionadas

Pero a actualidade obriga, por iso o broche derradeiro tiña que ser outro, un tema que tamén se pode incluír xa na categoría de himno: a banda sonora fundamental da serie Fariña. Un día no que, precisamente, o elenco máis galego dunha serie de televisión xeneralista celebraba o décimo aniversario da produtora que arriscou e gañou, apostou por unha historia que había que contar e contouna ben porque cre en Galiza, no seu talento e en que este hai que reivindicalo.

Como non se escoitaba ben, a frase textual de Iván Ferreiro tanto puido ter sido: “Isto é unha cabronada” como “Non vos imos facer esta cabronada”, o caso é que o peche de verdade tivo un toque ácido e salgado, carácter rachado e textura contundente. Si, soaba e prestaba… O que teño que facer, pra non ter que ir ao mar.

__________________________________________________

Os Xoves de Códax continúan todas as quintas feiras de xullo e agosto. Pódese consultar o cartel concreto no seguinte enlace.

As entradas para os concertos de xullo, porén, están xa esgotadas (As deste concerto de apertura voaron en tan só 6 minutos, así que bulide).

Comentarios