Publica a Deputación de Pontevedra

Un catálogo recolle a pintura de Manuel Moldes nos 80

A derradeira grande exposición do pintor Manuel Moldes (Pontevedra, 1949 – 2017) titulouse Pontevedra Suite e viuse no Museo de Pontevedra. A cidade sempre estivo no centro das súas preocucpacións e ocupacións. O material desa mostra, maiormente creado na década dos 80, conforma agora o catálogo do mesmo título co que a Deputación de Pontevedra quere ofrecer unha “homenaxe póstuma” a Moldes.
 

[Imaxe: Xurxo Lobato] Manuel Moldes
photo_camera O pintor Manuel Moldes. Foto: Xurxo Lobato.

“Que a última grande exposición de Manuel Moldes tivese lugar no museo da súa cidade, onde el naceu e onde escolleu traballar”, explica o deputado de Cultura Xosé Leal, “e que este catálogo recolla toda a obra que el seleccionou confírelle un gran valor ao volume”.

catálogo manolo moldes

Case 50 obras de Moldes e textos do crítico Miguel Fernández Cid, do artista Mariano H. Ossorno, do xornalista e escritor Manuel Jabois, do xornalista Ramón Rozas, do comisario Ángel Cerviño e do coordinador Alberto González-Alegre fan parte do libro DVD, que se presentará esta cuarta feira, 3 de maio, ás oito do serán no Sexto Edificio de Pontevedra.

Manuel Moldes formou parte do grupo Atlántica, o conxunto de artistas que, ao longo dos 80, procedeu á renovación por veces radical da pintura galega a través dunha ollada vangardista sobre o propio. Xustamente dese período trata Pontevedra Suite, que recolle “series especialmente significativas da súa carreira”.

“Se Manolo [Moldes] pasou á historia da arte foi precisamente pola obra do período dos anos 80 e o catálogo recolle a mostra e as obras que o propio Moldes seleccionou para reflexionar sobre esta etapa da súa produción”, indica Carlos Valle, director do Museo de Pontevedra.

Comentarios