Asentamento romano na Pobra de Brollón

O Castro de San Lourenzo será escavado en agosto

A parroquia de San Pedro de Cereixa, situada na Pobra de Brollón, posúe un tesouro agochado baixo a vexetación e o sedimento de terra. Na ladeira dereita do Río Saa atópase soterrado o Castro de San Lourenzo, un antigo asentamento romano no que habitaban traballadores das minas auríferas durante os séculos I e II.

castro_san_lourenzo
photo_camera Imaxe aérea do emprazamento do castro.

San Lourenzo, é un castro mineiro romano enfocado á explotacion do ouro e do ferro. Cando chegaron os romanos a Galiza organizaron unha serie de poboados para albergar a poboación mineira, uns castros mineiros que seguen un mesmo patrón quer en León e Asturias quer en Galiza: Moi fortificados con varias liñas de muralla e aproveitando a tecnoloxía hidráulica para facer fosos defensivos. Todos en fondo de Val controlando as minas.

Os aluvións do Río Saa, o Lor e o Cabe foron fonte de explotación romana. O ouro e o ferro eran extraídos da mina dos Medos, unha mina única en Galiza polo seu espectacular método extractivo baseado en canalizacións que ían separando os minerais da auga, ao redor da que se foi construíndo unha rede de asentamentos mineiros entre os que está o Castro de San Lourenzo.

A escavación deste castro xurdiu do interese de Xurxo Ayán, profesor e investigador post doutoral na Universidade do País Vasco, na Facultade de Letras de Vitoria-Gasteiz e que, ademais, é propio de Cereixa. Nado e criado na vila, Xurxo medrou ouvindo as historias de avós e bisavós da zona que falaban dunha ermida construída á beira do Castro de San Lourenzo e que foi abandoada co paso dos anos.

Grazas ao interese da Asociación de veciños María Castaña e ás achegas dunha familia emigrada, o proxecto puido saír adiante, servindo como un grande exemplo para a Ribeira Sacra no seu obxectivo de conseguir a denominación como Patrimonio da Humanidade. Ayán incidiu na necesidade de contar coas comunidades locais para a recuperación e o coidado do patrimonio e comentou que este proxecto espera servir como un estudo de caso que mostre o modelo de xestión que propoñen para acadar a devandita denominación: “contando coa humanidade de aquí”.

Os obxectivo desta escavación que se suma á colaboración coa denominación da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade é a busca dun interese turístico cultural na parroquia de Cereixa co engadido de ficar moi preto do itinerario do Camiño de Santiago de inverno.

“É un castro que está vivo de milagre”

Nos anos 70 unha canteira de extracción de area e grava comezou a operar na zona colindante ao Castro. Esta canteira escavou no monte e chegou á beira das murallas do antigo castro que se atopaba soterrado. O Castro de San Lourenzo salvou a vida grazas ao detemento da actividade da canteira nun momento chave, xa que de continuar a súa expansión os restos do asentamento romano, probablemente, tivesen ficado reducidos a escombros.

Esta canteira deixou un legado co cesamento da súa actividade. No espazo onde a canteira operara no pasado formáronse unha serie de pozas que hoxe en día crean un espazo medioambiental de grande biodiversidade, servindo de ecosistema a aves migratorias. O obxectivo, agora, é crear un espazo turístico e cultural que xunte o castro coa antiga canteira complementado, así, a oferta medioambiental coa patrimonial.

“Grazas á tecnoloxía Lidar puidemos facer un escaneo aéreo que elimina a variable da vexetación, deste xeito aparece a orografía orixinal”

A tecnoloxía é un factor chave na arqueoloxía moderna. As facilidades para analizar os lugares onde existen rastros arqueolóxicos son moito maiores dende a irrupción de Google Earth e as súas fotos aéreas que permiten ver as distintas actividades e sucesos que puidesen ter afectado á zona. A día de hoxe o equipo investigador pode coñecer o impacto que puido ter a canteira e os incendios que se produciron na zona, así como todo o que hai debaixo da vexetación e a terra que sepulta o Castro de San Lourenzo: “Grazas á tecnoloxía Lidar puidemos facer un escaneo aéreo que elimina a variable da vexetación, deste xeito aparece a orografía orixinal”, comenta Xurxo Ayán. Agora, dispóñense a facer unha prospección xeofísica con xeoradar coa que poderán chegar ao interior do castro e saber que hai nel antes de comezar a escavación no mes de agosto.

No propio mes de agosto festexarase, ademais, unha romaría medieval, recuperada grazas a este proxecto. A vella ermida estaba levantada en nome de San Lourenzo, un santo hidróforo ao que se lle rezaba para traer choiva, xa que a crenza outorgáballe esa cualidade por ter caído nas brasas. A romaría recuperará unha tradición ancestral do lugar e servirá para festexar a recuperación do Castro de San Lourenzo.

Comentarios