Análise

O Castro da Suvidá e o proxecto trazas de Pontevedra (I)

A actuación no Castro de Suvidá (Marín) foi albo de críticas por parte de diferentes colectivos e entidades, que consideran que o alí feito nin responde a unha restauración e musealización do xacemento arqueolóxico, nin atende aos valores do mesmo. O arqueólogo Xulio Carballo escribe a respecto disto. 
“Bancos, elementos decorativos e instalacións, resultan innecesarias para o lugar". (Foto: Xulio Carballo Arceo)
photo_camera “Bancos, elementos decorativos e instalacións, resultan innecesarias para o lugar". (Foto: Xulio Carballo Arceo)

A recente actuación do Ministerio de Transporte (antes Fomento) no Castro da Suvidá, Marín, ten uns antecedentes que explican como se chegou a esta situación, criticada por diversos colectivos sociais e políticos, así como polo Icomos e o Consello da Cultura Galega, quen fixeron públicos os seus informes hai uns días.

Na primavera de 2015 a Deputación de Pontevedra (presidida daquela por Rafael Louzán) asinou un protocolo de colaboración co Ministerio de Fomento, da que era ministra Ana Pastor, para a rehabilitación de 23 castros en 4 anos (ese era o titular de prensa). Mais poucos meses despois houbo un cambio de goberno e a Deputación pasou a estar presidida por Carmela Silva (PSOE). Tras uns primeiros desencontros políticos entre ambas as institucións, Ministerio e Deputación renovaron a colaboración para ese proxecto promovido polo departamento de Turismo do órgano provincial. Como antecedentes hai que recordar os programas de Pousadas dos Salnés e Depodeza, desenvolvidos en anos anteriores polo departamento de Turismo provincial.

Nexo de unión

O nexo de unión entre os dous gobernos provinciais e estatais de distinto signo político (PP e PSOE) foi o arqueólogo da Deputación, quen elaborou todos os anteproxectos, formou parte do xurado que adxudicou o anteproxecto e informou favorablemente o proxecto de Trazas de Pontevedra; aspectos que recollen os informes do Icomos e do Consello da Cultura. Mais, como sinala o informe da entidade internacional, o plan foi acordado por dúas Administracións públicas (Ministerio de Fomento -agora de Transporte- e Deputación de Pontevedra) que non teñen competencias no patrimonio cultural, polo que tiveron que negociar -e quizais premer- coa Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta.

Logo dun concurso de ideas promovido pola Dirección General de Arquitectura, Vivienda y Suelo de Fomento, para a restauración e musealización de xacementos galaico romanos da provincia de Pontevedra (ao que se denominou Trazas de Pontevedra), adxudicouse o contrato ao estudo madrileño de arquitectura AGI Architects Spain, que en 2019 presentou o proxecto de execución para a fase I dos traballos de musealización nos castros de Toiriz, Alobre e A Suvidá. O proxecto foi informado favorablemente polo arqueólogo da Deputación, e unha vez que chegou a Patrimonio, puxéronlle inicialmente algúns problemas, e tiveron que reducir o número de elementos; mais, finalmente a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural autorizou o proxecto o 15 de maio de 2019. A directora xeral de Patrimonio tivo que responder sobre as preguntas e críticas que lle fixeron dous deputados do BNG nos anos 2019 e 2020.

As actuacións ministeriais no Castro da Suvidá, supostamente de musealización e restauración, remataron en abril deste ano, e foron inauguradas pola presidenta da Deputación e a alcaldesa de Marín. Previamente realizáranse numerosas críticas nas redes sociais, na prensa e unha concentración do BNG marinense, contra a obra. Segundo os informes do Consello da Cultura e do Icomos a obra non responde a unha restauración e musealización do xacemento arqueolóxico, porque non atende aos valores do xacemento, nin aos arqueolóxicos, nin aos paisaxísticos, nin aos sociais, e non inclúe ningunha obra de restauración propiamente. Unicamente se deseñaron elementos e instalacións de amoblamento urbano, que non concordan co disposto na Lei do Patrimonio Cultural de Galiza.

Sen diálogo

Ambas entidades critican tamén que os proxectos non tivesen en consideración ás comunidades locais, nin aos arqueólogos que escavaron o xacemento; o informe do CCG afea que non se fixese unha adecuación vexetal da masa arbórea e que se desprezase o patrimonio inmaterial: nas actuacións primouse a desnaturalización dos xacementos con criterios de deseño e tratamento propios doutro carácter.

Os paneis conteñen textos que non atraen á lectura, porque non son didácticos, o aceiro inoxidable produce reflexos, e o tamaño do texto e da letra é inadecuado e, por último, os contidos non enganchan á lectura, non producen ningunha emoción. Retiráronse os vellos paneis informativos, que tiñan moito maior atractivo cos actuais.

Logo, as instalacións de bancos, elementos decorativos e instalacións, moi duras, resultan innecesarias para o lugar, e o que se busca é unha certa espectacularización, que está moi lonxe da valorización dos restos arqueolóxicos. As obras novas “comen” aos elementos que hai que valorar; de aí que se trate dunha actuación contraria a todos os principios da restauración e musealización.

Finalmente, os carteis están escritos principalmente en castelán, relegando os textos en galego, máis pequenos, á parte posterior, igualando por tamaño e disposición á lingua estranxeira (o inglés). No mesmo sentido hai una despreocupación toponímica (Pacho de Donón en vez de Facho de Donón, a Igrexia por Igrexa, etc), que dan mostra dun traballo rutineiro e sen sentido.

Comentarios