Castelao no Hollywood antifascista

No verán de 1939 o rianxeiro reuniuse en Los Ángeles cos actores Paul Muni e Joan Crawford, estrelas do cinema comprometidas na loita antifascista e a favor da causa da República española. Unha xuntanza a encadrar na intensa actividade que desenvolveu nos Estados Unidos, co compromiso galeguista e contra o franquismo como guía.

castelao crawfor mundi hollywood
photo_camera Castelao, Crawford, Muni

“Son fillo dunha patria descoñecida” anotaba Daniel Castelao nos seus cadernos durante a súa estancia en Nova York, cidade á que chegara en 1938 encomendado polo goberno republicano e co apoio das Sociedades confederadas hispánicas e da Fronte Popular Antifascista Galega para facer campaña contra o golpe de estado de Franco. Dúas etapas diferentes marcan a estancia do rianxeiro en EUA. Unha primeira [agosto a novembro 1938] na que desenvolveu unha intensa actividade propagandista para recadar apoio para a República na súa guerra contra o franquismo. A segunda [marzo 1939-xuño 1940] foi máis dura. Triunfan os golpistas e as actividades de Castelao céntranse na solidariedade e apoio aos exiliados e fuxidos dunha España xa baixo as gadoupas franquistas así como na súa propia supervivencia e na atención dos seus problemas, tanto de saúde como económicos.

Xullo de 1939. Castelao desprázase até Los Ángeles e vai a Hollywood, onde mantén unha xuntanza coa actriz Joan Crowford (unha estrela da pantalla, obtería o Oscar  a mellor actriz en 1945) e Paul Muni (actor de referencia, que gañara a estatuíña en 1936). Ambos os dous eran dirixentes da asociación de axuda á República española, unha entidade da que facían parte artistas de prestixio, como a estrela Bette Davis, o ‘malo’ oficial das películas de gángsteres, JamesCagney, o actor e famoso cantante Bing Crosby ou Charles Chaplin. De feito, e como nos lembra Miguel Anxo Seixas, biógrafo do rianxeiro, nun primeiro momento ía estar presente nesa xuntanza o propio Chaplin, “mais non puido facelo finalmente por estar enfermo”.

James P. Lardne é un brigadista estadounidense que cae en setembro de 1938, con 22 anos, combatendo na batalla do Ebro. Na súa memoria edítase en California ‘Somebody had to do something’, obra con texto de Ernest Hemingway e 9 debuxos do ‘Galicia Mártir’ de Castelao, cos seus pés en galego e inglés.

Compromiso, mineiros anarquistas galegos, Hemingway

Foron os seus primeiros meses estadounidenses nos que Castelao se empregou a fondo para recadar apoio contra o golpe franquista. “Fai campaña para que [en Estados Unidos] axuden á desafiuzada República. Militarmente non podían enviar armas. Así que percorre EUA co comunista Luís Soto e os representantes das sociedades confederadas”, explica o biógrafo, para reunir apoios económicos.

A política de non intervención adoptada por Washington impide que a axuda á República se concrete en envío de armamento e apoio militar. Por iso a axuda enviada polos galegos nos Estados Unidos á Repúblioca é, por exemplo, sanitaria, explica Seixas, citando como exemplo o envío de catro ambulancias, cada unha delas bautizada co nome dunha provincia galega: A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

CASTELAO BRIGADISTA eua

Castelao non para: mantén xuntanzas, reunións, participa en encontros con pequenas audiencias e tamén en mítines multitudinarios [como o de UlmerPark, en 1938, onde intervén en galego ante miles de persoas]. Sempre que pode reúnese cos galegos en calquera parte de EUA na que estes estean para manter viva a chama de Galiza. Neste sentido, é clarificadora a anécdota que o propio Castelao narra nos seus Cadernos: en West Virginia participa nun acto con mineiros galegos anarquistas que lle deixan claro antes do mitin que eles son internacionalistas, polo que non queren que dea un mitin patriótico nin galeguista. O rianxeiro recoñece que ofrece un discurso evocando Galiza, e comproba como a eses mineiros as bágoas asómanlles aos ollos: “É que nos falas de cada cousa!”, recrimínanlle estes a Castelao unha vez finalizado o acto. “Resulta que hai patria, e patria galega”, sentencia o político galeguista.

“Síntome irmán dos negros", escribiu após ver na porta dun bar o letreiro: “NOTICE. Whites only”.

No marco da súa actividade de procurar apoios para o combate contra o fascismo, Castelao reuniuse con Crawford e Muni en Los Ángeles, encontro que recolle Luis Seoane en ‘Castelao Artista’. A actriz era unha das estrelas da Metro-Goldwyn-Mayer e cando coñeceu a Castelao xa tiña rodado filmes de grande éxito como Encadeada e Grand Hotel, ambos con Clark Gable como parella profesional. Paul Muni, prestixioso actor de cinema e teatro, nado na Galiza ucraína, xa posuía naquela altura un Oscar e catro nominacións, sendo un dos rostros máis coñecidos das pantallas de cinema para o gran público. Comunista, comprometido, activista, Muni estivo no albo da represión desatada en Estados Unidos contra a esquerda de Hollywood, caza de bruxas que tivo o seu seu paroxismo no macartismo.

Seixas infórmanos que nesa mesma cidade, Los Ángeles, publícase en 1939  Somebody had to do something; a memorial to James Phillips Lardne, unha obra cun texto de Ernest Hemingway que inclúe nove dos debuxos do álbum Galicia Mártir, cos seus pés en galego e inglés. Unha edición limitada de 500 exemplares. James P. Lardne (Chicago, 1914), xornalista que cubriu o conflicto en España canda Hemingway, pasou a integrarse nas Brigadas Internacionais como voluntario na estadounidense brigada Abraham Lincoln. Morreu en combate durante a ofensiva do Ebro, en setembro de 1938.

Indícanos o biógrafo que durante a súa estancia en Estados Unidos Castelao tamén tratou debuxantes: “En Nova York foi amigo de dous grandes debuxantes tamén antifascistas, Rockwell Kent, o ilustrador das memorias de Casanova e de MobyDick, e William ‘Bill’ Gropper, o xudeu-estadounidense que fixo sátiras dos políticos e financeiros de Estados Unidos e, máis tarde, da guerra”.

Fixo amizade con dous ilustradores e debuxantes antifascistas: RockwellKent (ilustrador das memorias de Casanova e de "MobyDick") e William Gropper (muralista e autor de cadriños con acedas sátiras dos políticos e financeiros de EUA).

Galegos, os negros

Un dos feitos máis coñecidos da estancia do galeguista en EUA foi o  seu nomeamento como presidente honorario da Federación Internacional de Sociedades Negras de Nova York. Nos ‘Cadernos’ el propio narra a súa evolución na cuestión racial: desde os arrepíos que lle daba ao ver parellas mixtas de brancos e negros até o cambio que o levou a partillar a loita contra a discriminación racial. "Non nego que a separación de razas coincidía cos meus instintos de pureza e perfección. Pero nos Estados Unidos sentín primeiro unha enorme compasión pol-os negros e máis tarde un desexo de matar a miña repuñancia por eles. Agora avancei máis e sería capaz de trocarme líder das reivindicacións negras i en defensor d-esta raza. O día que despertei a este sentimento foi o 1 de septembro de 1938. Percorríamos o estado de West Virginia (onde os negros aínda non son perseguidos coma no Sul) e na porta d-un Bar aldeán, onde comían e bebían uns cantos bárbaros brancos, alvisquei este letreiro na porta: NOTICE. Whitesonly. Agora síntome irmán dos negros".

“Castelao vai pedir axuda económica para a República e decátase que a xente ten poucos cartos. Vai por Chicago, Detroit… e os galegos danlle do pouco que teñen, hai desemprego, hai necesidade…”.

Emigración galega nos EUA, proletariado

A emigración galega en Estados Unidos é unha comunidade cunha componente moito máis proletaria que a existente noutros países, describe Seixas, e onde ideoloxicamente fica unha forte pegada anarquista, como ten sinalado Bieito Alonso no seu libro ‘Obreiros alén mar’. A diferenza tamén doutras comunidades galegas, os galegos en EUA atravesaban naqueles tempos -década dos 30- unha situación económica moi complicada. Miguel Anxo Seixas explica que cando Castelao chega a EUA a crise orixinada en 1929 continúa presente. “Castelao vai pedir axuda económica para a República e decátase que a xente ten poucos cartos. Vai por Chicago, Detroit… e os galegos dánlle do pouco que teñen, hai desemprego, hai necesidade…”. Unha realidade que impacta fondamente o rianxeiro.

En abril de 1940 recibe a ansiada "Carta de residencia" na Arxentina que lle ía permitir deixar os Estados Unidos e ir vivir ao país austral, instalándose definitivamente en Buenos Aires, onde chega en xullo de 1940. Axiña reaxe contra a súa ‘momificación’: “Cando cheguéi a Bós Aires, sentáronme nunha cadeira, cobríronme cun fanal e dixéronme que era un "símbolo". Axiña comprendín que a cadeira era un ataúde, o fanal era unha sepultura i eu era o "difunto Castelao".

EUA será un dos países destino dunha parte dos exiliados galegos, se ben unha minoría. Alí recalan desde galeguistas como Ernesto Guerra da Cal ou Emilio González López até anarquistas como García Durán.

Deixou escrito Castelao: “E agora vou facervos a miña confesión de emigrado galego. Sentinme refuxiado nos EE.UU.; pero aquí [en Arxentina} son un emigrante”.

Comentarios