O Castañazo Rock volve bravú a Chantada

Que o bravú non é cousa do pasado síntese cada ano no Castañazo Rock de Chantada que nesta edición terá lugar o próximo día 2 de novembro. Xa hai cartel e finalistas do concurso de bandas. 

Nao
photo_camera Nao

O programa está servido e no festival do tempo da castaña prepáranse actividades para un día moi longo. Comezará por volta das 12 horas co “Chantadillo” e actividades para nenos. Ás 15:00 os cantos de taberna serán os protagonistas na Praza de Santa Ana , cantigas que van a concurso por cuarta edición despois da boa acollida dos pasados anos. De 15 a 18, tres horas de encontro coa música máis tabernaria do Café parada ao Bar Plaza pasando por Los Ángeles, o Capitol, o Restaurante Centro, o Bar o Canizo e o Café Mar. A inscrición no concurso está aberta até o 1 de Novembro. Cada grupo que participe botará unha canción e terá dereito a unha consumición en cada taberna. 

Ás cinco abrirase o recinto do Mercado Gandeiro onde terá lugar o Castañazo e, para quentar motores, o aberto de billarda e xogos bravús e o magosto popular terán entretido ao persoal até as 21 horas que comezarán os concertos. Desta volta, o cartel está composto por Nao, Che Sudaka, Lendakaris Muertos, Bongo Botrako e Dakidarria. 

Para comezar, o escenario será ocupado polo gañador do concurso de bandas emerxentes ao que concorreron 32 grupos que quedaron en cinco finalistas. O punk rok de ExTensión Agraria de Bretoña (A Pastoriza), o punk dos pontevedreses PDA-Pus de Alce, o rock/ska que vén de Bugallido (Ames) Biribirlock, o reggae/ska/rock de Maskarpone de Ourense e o metal alternativo Bordeline do Salnés agardan a que o día 15 se coñeza quen entrará no cartel do Castañazo Rock, un dos berces do bravú. 

Comentarios