"Os casos de Victoria", francesa mais con final made in Hollywooe

victoria1
photo_camera Un fotograma do filme

OS CASOS DE VICTORIA

Victoria

(Francia 2016, 97 min.) 

Dirección e guión: Justine Triet

Fotografía: Simon Beatufils

Elenco: Virginie Efira, Vincent Lacoste, Laure Calamy, Melvil Poupaud, Emmanuelle Lanfray, Laurent Poitrenaux, Claire Burger, Sabrina Seyvecou

SINOPSE

Victoria Spick, unha avogada recentemente divorciada e con dúas fillas, acode a unha voda co seu amigo Vicent. No medio da festa, Vincent é acusado de intento de asasinato pola súa parella. Victoria farase cargo dun curioso caso no que a única testemuña é un can.

CRÍTICA

A directora Justine Triet, como se quixese impregnar a súa pegada persoal, retoma a comedia frenética con nai traballadora, divorciada e con dúas fillas. En A batalla de Solférino, o seu anterior filme, a protagonista era unha reporteira de televisión e agora, en Os casos de Victoria, tócalle a quenda a unha avogada; distintas profesións pero mesmo fío condutor: as tribulacións dunha muller superada polos acontecementos. A tal Victoria, interpretada por Virginie Efira (Un home de altura, Elle), é unha sorte de Ally McBeal neurótica en plena crise sentimental, após un divorcio, e con dúas fillas polo medio ás que non ten tempo para coidar. Sen comelo nin bebelo, atópase de súpeto defendendo o seu mellor amigo, Vincent (Melvil Poupaud), nun caso grave de violencia de xénero e cun axudante moi particular aos seus servizos, Samuel (Vincent Lacoste), un antigo cliente drogadicto que a axuda nas labores da burocracia legal ao tempo que lle fai de canguro das pequenas. Un dálmata terá a chave para resolver o caso.

Tan estrafalaria trama non ten outra pretensión que facer homenaxe ao xénero screwball con certos ecos distantes de A costela de Adán (1949, George Cukor), pero calquera parecido con Katharine Hepburn ou a comedia de Cukor é pura casualidade... máis ben semella unha peli de Katherine Heigl, ou Amy Schumer, dirixida por Judd Apatow

A pesar de contar cun bo comezo, no que as personaxes quedan perfiladas á perfección con catro pinceladas, o devir é o dunha comedia romántica do montón chea de desconcertantes flutuacións de ritmo que acaban por provocar que o interese decaia en progresión xeométrica. Incluso a presenza do can e un, supostamente, simpático chimpancé, en troques de provocar a risa esperada, provocan pesar, cando menos se tes algo de empatía cos animais.

O devir é o dunha comedia romántica do montón chea de desconcertantes flutuacións de ritmo que acaban por provocar que o interese decaia en progresión xeométrica

Malia ser un filme falido, considerando os vimbios que tiña de primeiras, conta con bastantes luces como para lograr maquillar o conxunto para que, cando menos, sexa do agrado de certo tipo de público, aquel que devece polas típicas comedias románticas sen pretensións. 

Como xa dicíamos antes, presenta as personaxes cunha concisión envexábel. Tamén resalta un hábil xogo de tonalidades e cores nos espazos físicos (os xulgados, a casa...), facendo que transite a acción dun lado para outro, a unha velocidade endiañada, sen que en ningún momento nos cheguemos a perder. Hai un uso premeditado da música descontextualizada, o cal pode non gustar, mais dálle un toque con certa personalidade. Para rematar, é de agradecer o intento de lle dar unha volta de parafuso aos roles de xénero, mais queda niso... nun intento.

Recomendábel para quen guste das comedias románticas afrancesadas e final “made in Hollywood”.

Comentarios