Financiamento colectivo

A Casa de Rosalía recupera o "espírito colaborativo"

Na pasada edición do Culturgal, a Casa Rosalía de Castro puña en marcha unha campaña de subscricións populares Amigos da Casa de Rosalía. O director da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, conversa sobre o proxecto con Sermos Galiza.
Ugia Pedreira apoiando a campaña de mecenado
photo_camera Ugia Pedreira apoiando a campaña de mecenado

A Casa de Rosalía despide o ano na quinta feira 26 de decembro cun concerto da cantante de jazz Terela Gradín. No mesmo acto, acolle a presentación da campaña de  subscricións populares Amigas da Casa de Rosalía.

Angueira fala dunha "liña histórica que está na nosa xenética"

Este proceso iniciouse co gallo de implicar empresas, entidades públicas e persoas na mellora e o mantemento do complexo. Con case un mes transcorrido desde o seu lanzamento no Culturgal, a iniciativa suma por volta de 60 amigas, unha ducia de concellos e varias empresas. "Estamos contentos e orgullosos", manifesta a Sermos Galiza o presidente da fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira.

Un proxecto común

Non é a primeira vez que a Casa de Rosalía procura o apoio popular. De facto, foi o propio pobo o que fixo posíbel a súa apertura como museo en 1972. Así, Angueira fala dunha "liña histórica que está na nosa xenética", referíndose á Fundación Rosalía de Castro. Centos de persoas anónimas, a partir da proposta de José Manuel Rei de Viana, organizaron colectas en vilas e en case todos os centros galegos na emigración.

"Queremos avanzar nesta liña de independencia", di, pois prefiren "non depender dos vaivéns políticos"

Uníronse máis de 60 concellos, varios bancos, a Federación de Caixas de Aforros, o Celta de Vigo, a Federación Galega de Ciclismo e innumerábeis asociacións de todo o país. Perto de 50 anos despois, a institución –que non recibe financiamento público regular– apela a "recuperar o espírito colaborativo" co que naceu a casa. "Son circunstancias distintas, mais cremos que é preciso botar man desta idea do colectivo", declara Angueira.

A campaña supón tamén un intento de se reafirmar na súa independencia económica e cultural. Desde 2012, a fundación leva incrementado notabelmente a súa porcentaxe de autofinanciamento, pasando de 20% a "pechar este ano con 45%", conta Angueira. "Queremos avanzar nesta liña de independencia", di, pois prefiren "non depender dos vaivéns políticos".

Mantemento e melloras

"A casa non é miña", insiste Angueira, "é de todos. E sabemos que o pobo está con Rosalía"

Os cartos reunidos permitirán, dunha banda, o mantemento do museo, sumando melloras como o acondicionamento dun auditorio "que non está á altura das actividades que se fan alí". Tamén servirán para o desenvolvemento de proxectos de investigación arredor da figura rosaliana cunha bolsa de estudos, de edición e publicación, así como para reafirmar a proxección internacional con iniciativas como Rosalía en camiño. Porén, como destaca o presidente, non se trata dunha cuestión só económica, senón que perseguen a implicación social: "O noso espírito de traballo é sempre colaborativo". "A casa non é miña", insiste Angueira, "é de todos. E sabemos que o pobo está con Rosalía".

Comentarios