A Casa de Rosalía disponibiliza o seu arquivo informatizado

O Arquivo da Fundación poderá ser consultado para a investigación.

arquivo-casarosalia
photo_camera Imaxe de Murguía no Arquivo

A Casa de Rosalía vén de estrear o seu arquivo informatizado no que recollen boa parte do material recompilado polo Padroado así como documentos históricos vencellados á poeta. 

Os traballos de catalogación e informatización contaron co apoio económico da Xunta de Galiza, que achegou 4 mil euros procedentes da Consellaría de Cultura, explican desde a Casa de Rosalía cuxo obxectivo foi xerar "un espazo aberto á investigación para que se coñezan e difundan os seus fondos por ben da cultura e da historia de Galiza". 

Así, "calquera persoa que acredite un proxecto de investigación terá acceso a estes arquivos e as súas bases de datos", acrecentan. 

Entre os fondos documentais, gráficos e mesmo sonoros salientan a serie de Correspondencia na que se atopan as cartas intercambiadas cos responsábeis dos centros e colectivos galegos de Bos Aires, La Habana... e outras con personalidades ilustres como Otero Pedrayo, Castelao, Bouza Brey ou Valentín Paz Andrade. 

Aliás, no arquivo atópanse as actas e documentos constitutivos do Padroado, informes e memorias da actividade que veu desenvolvendo desde a adquisición da Casa de Rosalía e mesmo dosieres de prensa. 

Así mesmo, atópase un fondo gráfico con fotografías da autoria e a súa familia e documentos manuscritos da propia Rosalía. 

Comentarios