A Casa-Museo de Rosalía de Castro celebra o seu 50 aniversario

O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, subliña que se celebra a "estirpe insobornábel" da Casa.

 

Un momento do aniversario da Casa Museo (Foto; @eduardorivo)
photo_camera Un momento do aniversario da Casa Museo (Foto; @eduardorivo)

Foi 15 de xullo de 1971 cando abriu por primeira vez a Casa-Museo de Rosalía, coas achegas de centos de persoas e entidades de todo o país e da emigración.

O acto institucional decorrido nesta quinta feira, 15 de xullo, para conmemorar o 50 aniversario da Casa-Museo acolleu a actuación de Eliseu Mera (barítono) e de varios poetas galegos e chegados desde toda a Península, así como as intervencións de Pepe Barro e Xosé Luis Méndez Ferrín, e a entrega póstuma da Rosa de Galiza a Xosé Ramón Barreiro.

No seu discurso, o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, subliñou que se celebra a "estirpe insobornábel" da Casa, en recordo das palabras de Sixto Seco reclamando en 1971 a presenza do galego nas escolas.

"Esta é unha casa comunal, resultado do esforzo histórico de moitos e moi diversos colectivos e persoas", reivindicou, nun acto con numerosas autoridades e representantes de institucións e entidades culturais.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro asinaron un convenio de colaboración por 1000.000 euros.

Respecto diso, Rodríguez subliñou o valor pedagóxico da emblemática residencia da escritora, á que cualificou como "imprescindíbel para levantar gran parte da andamiaxe cultural galega".

Comentarios